A pintora Ana Reinaldo enche de “Retallos” a sala Rivas Briones de Vilagarcía
A Sala de exposicións Antón Rivas Briones acolle a partir desta tarde a primeira das mostras pictóricas do ano. A encargada de abrir a programación de 2014 é a pintora pontevedresa Ana Reinaldo que trae á sala vilagarciá “Retallos”, unha colección de óleos sobre lenzo e liño caracterizada pola uso da vivacidade das súas cores. A mostra inaugúrase esta tarde e poderá visitarse ata o 21 de febreiro.
Ana Reinaldo nace en Crecente (Pontevedra) e dende moi nova mostra un grande interese por todo tipo de expresión artística e pola pintura en particular. Despois de anos formándose de modo autodidacta, decide completar a súa formación estudando a carreira de Belas Artes, licenciándose en 1995 na especialidade de Pintura. Amplía ademais os seus estudos co Doutorado e numerosos cursos de gravado e estampación, escultura, cor, creatividade e artes plásticas en xeral. A obra de Ana Reinaldo encóntrase de xeito permanente no Museo Manuel Torres de Marín, BBVA, Galería Saira Arte, Deputación de Lugo, Banco Galego, Novacaixagalicia… así como en diversas coleccións particulares de España, Portugal, Brasil e Arxentina.
A pintora pontevedresa non é unha descoñecida en Vilagarcía xa que hai cinco anos que trouxo á cidade a primeira das súas exposicións. Daquela a mostra tivo co escenario a sala de exposicións do Auditorio. Cinco anos máis trade, Reinaldo regresa a Vilagarcía pola porta grande cunha mostra na Sala Rivas Briones.











