A oficina de voluntariado de Ferrol rexistrou un incremento do 50% no número de inscritos en 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, fixo hoxe balance sobre as accións de voluntariado realizadas a través da Oficina Municipal de Voluntariado durante o pasado ano. Un total de 103 persoas estiveron dadas de alta neste servizo municipal, o que supón un incremento de máis do 50% con respecto ao ano 2012, que eran 50 as persoas inscritas. Así mesmo e nesta liña de ascenso, a colaboración en accións de voluntariado rexistrou un aumento de máis do 20%, dado que no pasado exercicio foron 69 os participantes en tarefas ou programas realizados polo Concello de Ferrol e no 2012 foron 53.

Dentro destas accións e programas municipais, os datos do pasado ano destacan os 25 voluntarios que realizaron tarefas de colaboración na Cociña Económica -como poden ser recoller as mesas ou servir a comida-, os 15 de accións de acompañamento aos maiores -por exemplo a citas médicas- ou 11 voluntarios que axudaron na organización da Mostra de Corais das Persoas Maiores. Así mesmo, as persoas inscritas na Oficinal Municipal de Voluntariado de Ferrol tamén colaboran en actividades de animación á lectura no Centro de Atención a Minusválidos Físicos (CAMF), en apoio ao ocio e deportes coa Asociación a Nosa Señora de Chamorro, no apoio socio-educativo a través do programa municipal “Ferrol en Familia” ou nos comedores sénior da cidade.

Ademais, durante o pasado ano foron ofertados tres cursos de voluntariado a través da Oficina de Voluntariado Municipal, dependente da Área de Benestar Social. Estas accións formativas que forman parte do Plan Formativo de Voluntariado foron: o obradoiro básico de voluntariado; o curso de habilidades para a comunicación e a relación entre persoas; e o centrado na atención á discapacidade e dependencia. Na actualidade, son 85 os voluntarios dados de alta na Oficina Municipal -63 mulleres e 22 homes-, sendo a maioría deles maiores de 40 anos seguidos polos establecidos na franxa entre os 25 e 40 e despois os de 18 a 25 anos. Así, son 39 os voluntarios en activo, é dicir, os que están a desenvolver accións de voluntariado.

15 de xaneiro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.