A oficina agraria de Lalín desenvolve un servizo integral de atención no rural cunha media de 35 persoas diarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

En 2013 as catro persoas que traballan neste servizo municipal atenderon 500 consultas sobre licenzas de obras agrícolas e gandeiras; autorizaron 80 licenzas de obras; 500 permisos para queimas; 140 permisos para corta de árbores; 300 para limpezas de fincas; realizaron un total de 15.000 impresións cartográficas e atenderon 300 consultas sobre o programa de internet sen fíos no rural Repoblar, entre un conxunto moi amplo e diverso de consultas que a cotío reciben da veciñanza lalinense

O peso específico do sector agrogandeiro na economía lalinense motivou a posta en marcha por parte do executivo dirixido por José Crespo da Oficina Agraria do Concello de Lalín en decembro de 2002, un servizo integral para o rural que foi dos primeiros en Galicia e que mesmo serviu de referencia para outros municipios.

Actualmente a Oficina Agraria atende diariamente (de luns a venres en horario de 8 a 15 horas) unha media de entre 35 e 40 veciños que ben chaman por teléfono ou se desprazan ás dependencias municipais -onde, na planta baixa, está emprazado este servizo desde que se puxo en funcionamento a nova Casa do Concello-, para demandar información ou asesoramento sobre diversos temas relacionados co rural.

Cuestións de carácter técnico, xurídico, medioambiental e outras dificilmente clasificables, son as que cada día fan fronte o equipo de traballadores municipais da Oficina Agraria, un total de catro persoas, co fin de tratar de resolver as distintas problemáticas que lle pon enriba da mesa a veciñanza.

Nestes xa máis de 11 anos de vida, a Oficina Agraria do Concello de Lalín foi consolidándose ata converterse nun servizo básico e imprescindible para a cidadanía, ao mesmo tempo que ampliando e diversificando as súas atencións aos veciños do rural.

No ano 2013 a Oficina Agraria adscrita á Concellería de Actividade e Produción Agraria, Relacións coas Asociacións e Cooperativas Agrarias, Medio Ambiente e Feiras que dirixe Manuel Fernández López desenvolveu un intenso labor que se concreta na resposta a 500 consultas sobre licenzas de obras agrícolas e gandeiras que se materializaron na aprobación de 80 licenzas de obras, entre granxas, naves agrícolas, cerrados, pendellos e invernadoiros.

A temática medioambiental centrou tamén boa parte dos traballos da Agraria nos últimos doce meses nos que se emitiron 70 informes de actividades ambientais; se deron 500 permisos para queimas tanto en rústica como en urbana (incluídas a tradicionais cacharelas de San Xoán); 140 permisos de cortas de árbores e solo urbano e núcleos rurais e se cubriron instancias para limpeza de 300 fincas. Ademais no apartado medioambiental é de destacar que tamén se realiza quincenalmente a análise de fontes públicas e aténdense consultas sobre permisos de cans potencialmente perigosos e se dan as oportunas licenzas.

Aínda así é o Punto de Información Catastral o que recibe o maior número de demandas dos veciños. Así en 2013 realizáronse 10.000 impresións cartográficas de consultas catastrais e 5.000 impresións cartográficas do SIXPAC para prestar asesoramento á veciñanza en relación ás superficies nas axudas da PAC e hai que destacar que todas estas xestións se fan con carácter gratuíto. Ademais emitíronse 205 certificacións catastrais.

ASESORAMENTO DIVERSIFICADO

Un asesoramento que tamén se brindou aos veciños nos distintos procesos de concentración parcelaria en marcha como Vilatuxe, Val-Bermés-Sello, Noceda-Anzo-Busto e Cercio, en total unhas 500 consultas atendidas.

Os técnicos que dirixen a Oficina Agraria coordinada por Fernández López tamén ofreceron información, dentro da súa actividade diaria, sobre medicións de parcelas (agrupacións, segregacións, permutas), sobre plantación de árbores (distancias, especies, subvencións -por exemplo para castiñeiros-) e realizaron os trámites catastrais oportunos que a cotío lle son solicitados polos cidadáns.

O asesoramento no que respecta a axudas para a realización de obras en vivendas rurais constitúe outro aspecto da diversidade de funcións deste servizo municipal. En total recibíronse 130 consultas e tramitáronse 20 subvencións para vivendas rurais.

Repoblar, programa polo que a Deputación de Pontevedra con Crespo como vicepresidente posibilitou ter internet sen fíos nas zonas rurais continúa a ser obxecto de moitas consultas, un total de 300, e cada vez son máis as parroquias e o número de abonados. Así mesmo en 2013 elaboráronse desde esta Oficina 42 informes para a matriculación de vehículos agrarios, ademais de cooperar na recollida de lixo ou de animais mortos.

A actividade formativa tivo presenza considerable na actividade da Agraria neste ano que vén de rematar no que se desenvolveron dous cursos para gandeiros, un no marco do convenio de colaboración entre a Fundación Incyde, Deputación e o Concello e outro sobre manexo da maquinaria agrícola; un curso sobre a produción silvestre de cogomelos e iniciación á micoterapia e tamén se levaron a cabo sesións sobre aspectos medioambientais na Uned e no obradoiro de emprego <Agrolalín>. Nestas accións tomaron parte unhas 150 persoas que tiveron oportunidade de introducirse no eido ambiental e no coidado do medio.

A XXV Feira do Cabalo e a XXXIV Feiradeza desenvoltas en abril e xuño de 2013 son mostra da aposta continuada no tempo pola potenciación de certames sectoriais desde a Oficina Agraria xa de renome, pese a uns momentos difíciles.

Certames nos que se proba  o bo quefacer dos manexadores -hai que lembrar que o mozo lalinense Avelino Souto se alzou en novembro co Campionato de Europa Júnior de xóvenes  manexadores de gando frisón-, así como a excelente calidade do gando e os óptimos resultados dos programas de mellora xenética nos que as ganderías da zona teñen unha moi boa representación. Todo isto é posible grazas á colaboración que a Deputación presta a través de Mouriscade, que se verá reforzada e ampliada co novo Laboratorio cun investimento de 2,5 millóns de euros.

7 de xaneiro de 2014 | 11:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.