publicidade hoxe

A oferta cultural de Vilagarcía para febreiro inclúe ás Ccantareiras de Ardebullo, musical familiar, teatro galego e música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O mes de febreiro chega cunha variada oferta lúdica e cultural para todos os gustos e públicos. Teatro galego, música da casa, festival benéfico, un musical para toda a familia e o singular humor de As Cantareiras de Ardebullo pasarán polo Auditorio Municipal durante o mes máis curto do ano.

Os alumnos do instituto Miguel Ángel González Estévez abren a programación o sábado 8 de febreiro cun concerto no que intervirán varias agrupacións formadas no centro educativo de Carril. The Bollis and The Jamis, The Raúl Varela, Experience, Forvallaina e Nosotras y él, actuarán no concerto que conta coa colaboración especial de Néboa, Shiwa e a violinista Eveling Yasmín León. A vilagarciana, Andrea Fernández actuará como presentadora.

A seguinte fin de semana comeza co festival benéfico de O Noso Lar, que terá lugar o sábado 15 no Auditorio, e no no que actuará o grupo vilagarcián 7 Setenta. E o domingo 16 chega en clave de humor co espectáculo de As Cantareiras de Ardebullo. Nucha e Mucha deixan por un día A Casa da Conexa para vir a Vilagarcía a contar as súas peculiares historias e a cantar algunhas das súas versións de temas musicais famosos.

O teatro será o protagonista da terceira fin de semana de febreiro. A compañía Abrapalabra Creacións Escénicas chega ao Auditorio o venres 21 a través da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en colaboración coa Agadic e a Concellería de Cultura. As actrices galegas Susana Dans, Mónica Camaño, Casilda Alfaro e Rocío González dan vida ás personaxes desta comedia baseada na vida de catro mulleres traballadoras dunha fábrica de conservas.

O sábado 22 representarase no Auditorio a versión en inglés do exitoso musical de “La Bella y la Bestia”, espectáculo que trae a Vilagarcía a compañía Mundi Artistas. Trátase dunha representación familiar, recomendada para maiores de 8 anos, no que cativos e maiores poderán gozar da historia de amor de Bella e Bestia á vez que familiarizarse coa lingua de Shakespeare.

O programa de febreiro no Auditorio rematará o domingo 23 coa Gala Benéfica Solidaria organizada polo Club Olimpic Taekwondo de Vilagarcía co obxectivo de colleitar alimentos para o banco de Cáritas. Ademais dos deportistas do club, tamén participarán na demostración os campións do mundo do ano 2013 na modalidade de exhibición.

29 de xaneiro de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.