publicidade hoxe

A nova programación da biblioteca de Culleredo ofrece actividades infantís semanais até xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O goberno de Culleredo lanza a nova programación infantil das bibliotecas municipais con actividades cada semana até o próximo mes de xuño. As familias cullerdenses poderán gozar dun amplo abanico de iniciativas co obxecto de levar a cultura aos máis pequenos. Son 4 os bloques de actividades que deseñou a Concellaría de Cultura:

· Contacontos coa Dragona Ramona. A mascota das bibliotecas municipais continuará co seu traballo de fomento da lectura para os máis pequenos do municipio. Son actividades pensadas para nenos desde os 3 anos de idade.

· Contos en inglés. O ensino de inglés combínase coa promoción da lectura nestas actividades. Están deseñadas para os pequenos de 5 anos de idade en diante.

· Talleres de contos. A Concellaría de Cultura nesta ocasión propón percorrer a ruta de contos dos Irmáns Grimm. Os nenos, de 5 a 8 anos de idade, gozarán de títulos como “Hansel e Gretel”, “Os músicos de Bremen” ou “Rapunzel”.

· Biblioxogos. Novidade na programación que inclúe diferentes xogos e talleres na propia biblioteca. O Concello deseñou diferentes alternativas, tamén tendo en conta celebracións como o Entroido ou as Letras Galegas:

> Taller creativo de postais (14 de febreiro)

> Taller de disfraces (3 de marzo)

> A procura do tesouro na biblioteca (28 de marzo)

> Taller de creación de carteiras con cómics (14 de abril)

> Galegueando (15 de maio)

> Taller de cociña de verán (6 de xuño)

Os contacontos, contos en inglés e talleres de contos desenvolveranse os venres ás 18.30 horas na biblioteca Miguel González Garcés (Edificio de Servizos Múltiples do Burgo), segundo a programación dispoñible na páxina web municipal (www.culleredo.es). As actividades comezaron o pasado venres co conto en inglés “The very hungry caterpillar”. Esta semana, o venres 24, terá lugar o contacontos “Ou polo Pepe”, a cargo da Dragona Ramona.

Os contacontos e contos en inglés son de acceso libre. No caso dos talleres de contos e os Biblioxogos será necesario inscribirse previamente a mesma semana da actividade. En todos os casos a entrada é gratuíta. A concelleira de Cultura, Alicia Ferreiro, destaca o carácter “cultural e educativo” das actividades, pensadas para ofrecer “un lecer didáctico á vez que atraínte para vos nenos”.

20 de xaneiro de 2014 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.