“A nena e o grilo” abre un novo ciclo de teatro infantil en Cambados
O Concello de Cambados comeza este ano 2014 cunha programación teatral infantil e familiar que fará as ledicias dos nenos pero tamén dos que non son tan nenos. Trátase de catro obras nas que se mesturan humor, maxia, música e baile, e moitas sorpresas máis. O alcalde, Luis Aragunde, xunto co responsable da biblioteca municipal, Luis Rei, e o músico da compañía A nena e o grilo, Magín Blanco, presentaron este ciclo que leva por título “Os domingos… Teatro ás 6!” Durante catro sesións consecutivas, no Auditorio Municipal de A Xuventude, nenos e mayores poderán disfrutar do bo facer destas compañías de gran predicamento na escena galega.
O ciclo comeza este domingo, 19 de xaneiro, con “A nena e o grilo nun barquiño!” da compañía A nena e o grilo. Durante o Nadal de 2010 xa actuaron na Xuventude onde obtiveron un grande éxito. Nesta ocasión, da man de Magín Blanco (voz, guitarra), Jorge Juncal (piano, acordeón), Jerry Noia (guitarras, baixo), Pepablo Patinho (actor), Montse Piñón (actriz) e Maria Faltri (voz, percusión), pódese gozar dun espectáculo no que haberá música, narrativa, ilustración e poesía.
O domingo, 26 de xaneiro, será a compañía Trompicallo a que divirta ó público coa obra “Osiño”. Trátase dunha representación de monicreques na que os nenos -a partir de 3 anos- coñecerán a vida nun anaquiño de fraga, que se transforma coa chegada das diferentes estacións. Neste lugar vive Osiño coa súa mamá. Con eles pasaremos un inverno no que Osiño ten moito frío, pero a súa mamá vaille ensinar o que un oso debe facer para non telo e poder xogar coa neve. Na primavera coñeceremos ao avó de Osiño, que lle contará o seu conto favorito, o de cando a súa mamá, de pequena, coñeceu a un paporrubio. Polo verán Osiño levaranos a dar un longo e fantástico paseo nocturno, para poder levarlle a súa mamá un pedazo de queixo moi especial. E no outono celebraremos con el e os seus amigos Porquiño, Coello e os Ratos o seu aniversario.
Xa en febreiro, o domingo 2, a compañía Expresións Produccións fará rir a escachar coas súas “Chapuzas a domicilio” Trátase dun espectáculo de maxia clown no que dous pintores teñen o encargo de preparar o escenario para unhas conferencias que ofrecerán unha serie de personaxes internacionais moi pintorescos.
Para rematar, o 9 de febreiro, o Ciclo de Teatro despídese cun ata pronto, pero por todo o alto, coa obra “O Soldadiño de Chumbo” de Baobab Teatro, que recibíu premios importantes dentro da escena española e supón unha recreación espectacular desta fermosa historia de Andersen.
O ciclo realízase grazas ó apoio de Agadic e da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. Os prezos das entradas son de 3,5€ as normais e 2,5€ as reducidas (para nenos, estudantes e pensionistas).











