A nai e filla asasinadas en Cervo foron atopadas cada unha no seu domicilio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoSucesos
A-
A+
E.P.

A muller de 45 anos e a súa nai de 72 achadas mortas este martes apareceron cada unha no seu domicilio, vivendas contiguas situadas no lugar de Riocobo na parroquia de Lieiro, segundo confirmou o alcalde de Cervo (Lugo), o popular Alfonso Villares.

O rexedor comentou que se trata de “familias moi queridas” e “non hai nada que poida explicar isto”. Segundo dixo, a muller de menor idade traballaba “en centros de educación próximos e a súa nai estaba xubilada”.

O marido e presunto agresor, un home de 52 anos que trata de localizar a Garda Civil dispondo patrullas en toda a comarca mariñá, que se estende a Asturias, ten unha empresa de construción.

Segundo o relato do alcalde, ambas as mulleres tiñan os seus domicilios “moi próximos”. “A verdade é que estamos todos conmocionados por esta desgraza. Todos os veciños que coñecemos ás mulleres falecidas, a todos os amigos e familias esta conmoción déixanos sen capacidade de reacción porque non hai nada que poida explicar isto e menos en persoas tan queridas, son familias deste propio concello”, dixo.

Tamén concretou o rexedor mariñán que “non había ningún tipo de denuncia nos Servizos Sociais do Concello, máis que nada porque os propios coñecidos e amigos, non había nada que fixese sospeitar de nada. É imposible pensar nestas cousas”, sostivo Villares.

Así mesmo, Alfonso Villares avanzou que “unha vez confirmado que son actos de violencia de xénero, mañá (mércores) faremos unha concentración e decretaremos uns días de loito”. A parella non tiña fillos.

14 de xaneiro de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.