A mellora e conservación do Monte Aloia contou cun investimento dun millón de euros desde 2009
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou esta mañá que a Xunta de Galicia investiu preto dun millóns de euros en varias actuacións para a mellora e conservación do parque natural do Monte Aloia, así como dos seus accesos, co obxectivo de achegalo á cidadanía.
Así o recordou durante a visita á aula da natureza deste enclave, xunto co alcalde de Tui, Moisés Rodríguez. Reiterou o compromiso da Xunta de Galicia cos parques naturais, ao destinar 1,5 millóns de euros para proxectos concretos de protección dos parques naturais de Galicia ata o ano 2015.
Sobre o Monte Aloia, lembrou que o pasado ano se executou unha mellora na estrada de acceso ao alto de San Xiao e, anteriormente, a estabilización dos noiros e a reconstrución dun muro. Tamén se levou a cabo a limpeza e mellora dos hábitats do Parque Natural con persoal pertencente a colectivos desfavorecidos. O importe global das actuacións foi de 950.000 euros.
Estas actuacións teñen a súa importancia sobre todo tendo en conta que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten habilitados arredor de 30 km distribuídos en 6 roteiros pensados tanto percorridos a pé como en bicicleta no parque natural do Monte Aloia, na zona de Tui.
Non obstante, sinalou que os principais retos do Monte Aloia están recollidos no seu Plan Reitor de uso e Xestión, sendo o único Parque Natural de Galicia con este instrumento.
Novo presidente da xunta consultiva
O conselleiro de Medio Ambiente manifestou que o plan reitor será unha boa base para a nova etapa que se abre para este parque de Galicia con Gerardo Zugasti, como novo presidente da Xunta consultiva. Unha persoa, en palabras do conselleiro, cunha ampla experiencia no sector agrario, enxeñeiro agrónomo e xefe territorial da Consellería de Medio Rural en Pontevedra ata o ano pasado, data na que se xubilou.
Trasladoulle que o reto que ten por diante o labor de saber conxugar os intereses do parque natural cos dos propios integrantes da xunta consultiva (representantes de institucións e asociacións vinculadas co parque natural). Un traballo no que lle desexou os maiores éxitos, á altura do seu predecesor, Pedro Arbolí.
Monte Aloia
O Parque Natural do Monte Aloia, que abrangue unha superficie de preto de 750 hectáreas, constitúe un motor para o desenvolvemento económico das comarcas nas que se sitúa, ofrecendo unha alternativa de uso diferente e coherente cun modelo de calidade de vida que aposta pola conservación da natureza.
Este parque representa un dos ecosistemas naturais con maior diversidade ao integrar os medios mariño e terrestre, albergando as figuras de protección de Zona de Especial Protección para os Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria Monte Aloia.











