A Mancomunidade de Ordes manterá o servizo de orientación, información e prospección de emprego
A sesión ordinaria correspondente ao mes de xaneiro da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou onte, por unanimidade, a solicitude de subvencións á Xunta de Galicia para o mantemento do servizo de información, orientación e prospección laboral. Unha medida englobada dentro do Plan Estratéxico de Galicia 2010-14 Horizonte 2020, e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais da comunidade.
O dito servizo vénse prestando dende hai máis de ano e medio nas dependencias situadas nos baixos da Alameda, na vila de Ordes, por parte dun técnico especializado na materia. Mensualmente preto de 200 usuarios e usuarias fan uso deste servizo co fin de atopar un emprego ou de orientar e mellorar a súa situación laboral. O fomento do emprego de calidade, o incremento da empregabilidade de persoas no paro e unha atención especializada a aqueles colectivos con especial dificultade de inserción son os seus obxectivos principais.
Por último tamén se acordou unha serie de actuacións e plans que se realizarán a partir dos vindeiros días para a promoción do uso da lingua galega en distintos ámbitos sociais, deportivos e empresariais. Uns plans que se levarán a cabo dende o departamento de normalización lingüística.











