A mancomunidade de Ferrol e os empresarios de Ferrolterra poñen en marcha unha campaña para atenuar o intrusismo profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta tarde a sesión ordinaria da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, celebrada na Casa Consistorial da cidade naval. Previamente ao inicio da xuntanza, tivo lugar a presentación da campaña de concienciación e sensibilización á cidadanía “Contrate con empresas legais”, que o organismo supramunicipal pon en marcha de maneira conxunta coa Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF). Responsables da AEF, encabezados polo seu presidente, Jose Ramón Franco, explicaron aos alcaldes que esta proposta pretende atenuar a problemática que está a sufrir o sector da construción e pintura polo intrusismo profesional en obras menores e reformas. Así, e coa intención de mitigar esta problemática, difundiranse nos concellos da zona folltetos informativos cuxos contidos están orientados a concienciar aos cidadáns sobre a importancia da contratación con empresas legais, onde tamén se inclúe de maneira detallada os requisitos que deben cumprir ditas empresas e as garantías que estas ofrecen.

Outro dos eixos da campaña “Contrate con empresas legais” ten que ver coa intensificación das labores de vixilancia e control para que os refugallos xerados sexan tratados adecuadamente e trasladados a un vertedeiro autorizado. Ademais, os concellos incoporarán aos documentos administrativos, tanto de obra maior como menor, información sobre a importancia de contratar con empresas legais. Entre os obxectivos da campaña destacan: sensibilizar aos consumidores para que contraten con empresas legalmente constituídas, asegurando así a execución dos traballos con tódalas garantías e coñecementos as posibles responsabilidades ante incidencias; restablecer o prestixio de empresas e profesionais da construción que actúan con legalidade, honestidade e solvencia técnica fronte a aqueles que interveñen de maneira irregular; e ofrecer unha forma de traballo baseado en boas prácticas.

Programa de Deporte Adaptado-Inclusivo

Outro dos asuntos abordados na reunión ordinaria desta tarde polos alcaldes da Mancomunidade foi o desenvolvemento da segunda edición do “Programa de Deporte adaptado-inclusivo” destinado a promover a diversidade funcional no deporte, que o organismo supramunicipal promove en colaboración da Deputación Provincial da Coruña. A oferta inclúe baloncesto e tenis en cadeira de rodas, boccia e baile adaptado.

As persoas interesadas en apuntarse a este programa teñen de prazo dende mañá até o vindeiro día 31 de xaneiro para formalizar a prematrícula, que se realizará a través do formulario disponible na web: www.comarcaferrolterra.es. As prazas ofertadas nesta iniciativa, que serán cubertas por rigoroso orde de entrada das solicitudes de prematrícula -tendo en conta as necesidades de adaptación dos usuarios e a orde de preferencia indicado na solicitude-, son as seguintes:

-Baloncesto en cadeira de rodas: 8

-Boccia: 12,

-Tenis en cadeira de rodas: 8.

-Baile adaptado:12.

As persoas interesadas deberán estar empadroadas nalgún dos municipios que conforman a Mancomunidade (Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño), ser maiores de 9 anos no momento de formalizar a matrícula e posuír o certificado de minusvalía física relacionado coa súa mobilidade nos membros inferiores para participar en baloncesto e tenis en cadeiras de rodas, certificado de minusvalía por parálise ou lesión cerebral ou outras minusvalías severas para boccia, e no caso do baile adaptado será unha actividade adaptada a múltiples situacións de diversidade funcional. No caso de quedar prazas vacantes, poderán ser ocupadas por persoas empadroadas noutros municipios que non pertenzan á Mancomunidade de Concellos de Ferrol.

Os horarios e lugares provisionais para as actividades son os seguintes: baloncesto en cadeira de rodas se desenvolverá no pavillón polideportivo do Ensanche A (Ferrol) os xoves en horario de 20:00 a 21:30 horas; a boccia, terá lugar no Centro Público Integrado do Feal (Narón), os venres de 16:30 a 18:00 horas; o tenis en cadeira de rodas, se realizará no pavillón polideportivo de Ares e terá lugar unha vez á semana durante unha hora e media; e o baile adaptado, no local social de Santa Icia (Narón) todos os luns de 17:15 a 18:15 horas.

Transporte adaptado

Dentro do II Programa de Deporte Adaptado-Inclusivo, a Mancomunidade pon a disposición dos usuarios que o precisen un servizo gratuito de transporte adaptado, que recollerá aos usuarios nos puntos de encontro que se acorden, levaraos á actividade e unha vez remate transportaraos ao punto de partida.

 

13 de xaneiro de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.