A Laracha pon en marcha a sede electróncia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A sede electrónica do Concello da Laracha xa está operativa, dándose un salto cara a modernización dos trámites municipais e a administración sen papel, permitindo ademais aos cidadáns, asociacións, empresas e entidades realizar determinadas xestións dun xeito cómodo, sinxelo e sen desprazamentos a través da Internet.

Mediante a súa identificación con DNI ou certificado electrónico, o usuario poderá dispor dunha serie de servizos personalizados, como consultar o estado dun trámite, obter o volante de empadroamento ou realizar modificacións padroais, consultar os seus expedientes, representar a outra persoa na presentación de instancias, realizar trámites telemáticos regulados, solicitar a reserva de instalacións culturais e deportivas, inscribirse nos cursos e actividades municipais, realizar inscricións no rexistro de animais perigosos e, entre outros procedementos, presentar calquera instancia ou solicitude a través do rexistro electrónico.

O primeiro exemplo dun trámite que pode iniciarse e finalizarse directamente a través da sede electrónica é a solicitude dun volante de empadroamento, que cada usuario poderá obter a través da rede de xeito inmediato soamente cumprimentando os datos que o programa informático lle solicitará

Pódese acceder á sede electrónica directamente en sede.alaracha.es ou tamén desde o portal oficial do Concello da Laracha, www.concellolaracha.com, que conta cun banner nunha zona destacada da portada da web para informar ao usuario da existencia deste novo servizo.

A Laracha cumpre así a Lei 11/2007 de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, que establece o “dereito dos cidadáns a relacionarse coas Administracións públicas por medios electrónicos” e “a obriga das Administracións Públicas de redeseñar os seus procedementos e dotarse dos medios técnicos necesarios para que o exercicio do novo dereito sexa plenamente efectivo”.

A implantación da Administración Electrónica na xestión municipal supón unha nova forma de conexión entre o Concello e os cidadáns, xa que abre a posibilidade de relacionarse por internet con plenas garantías legais, de confidencialidade, seguridade e sinxeleza.

Por tanto, a administración do Concello da Laracha está xa as 24 horas do día a disposición de todos os cidadáns ou entidades que se atope en calquera lugar do mundo, cos únicos requisitos de dispoñer de acceso á Internet e DNI ou certificado electrónico.

25 de xaneiro de 2014 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.