A Laracha inaugurará o venres a nova biblioteca de Paiosaco
O Concello da Laracha contará desde a próxima semana cunha nova biblioteca de titularidade municipal. O venres ás 18.00 inaugurarase esta instalación pública creada nunha das salas do centro sociocultural de Paiosaco, completándose así a cobertura deste servizo en todos os cascos urbanos.
O acto oficial de apertura contará, ademais, cun espectáculo de contacontos dirixido ao público infantil que se desenvolverá no salón de actos do propio centro sociocultural. A entrada, como de costume neste tipo de propostas organizadas polo Concello da Laracha, é libre e gratuíta.
A biblioteca municipal de Paiosaco está integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia e será a terceira que se porá en funcionamento no Concello, xunto á da Laracha e á de Caión. A súa superficie alcanza os cen metros cadrados e disporá de ámbitos diferenciados para o estudo e consulta de libros, lectura da prensa diaria, área infantil e acceso gratuíto á Internet, tanto a través dos equipos informáticos da propia instalación como, vía wifi, nos dispositivos particulares (teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores portátiles) dos propios usuarios da biblioteca.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, colaborou co Concello da Laracha no equipamento do moderno e funcional mobiliario do que dispón a instalación, así como cun primeiro lote de 1.500 libros, entre os que salientan exemplares dos títulos máis destacados da literatura galega e española.
O emprazamento da nova biblioteca municipal de Paiosaco é ideal para a comodidade dos seus usuarios xa que, ademais de estar habilitada no interior dun edificio moderno como o centro sociocultural –que tamén alberga o local social da terceira idade-, sitúase en A Porta Santa, zona do núcleo urbano que está ben comunicada e moi próxima a outros equipamentos educativos (CEIP Alfredo Brañas) e deportivos (campo de fútbol e pavillón polideportivo).
Coa inauguración da biblioteca -que abrirá de luns a venres, de 17.00 a 20.00 horas- ofrecerase aos veciños de Paiosaco e tamén aos que residen na súa área de influencia instalacións modernas e equipadas co mobiliario e o material preciso para ofertar un servizo de calidade á veciñanza en xeral e moi especialmente aos estudantes.











