A Laracha abre o prazo para solicitar as axudas para cursos de inmersión en lingua inglesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Na Oficina de Información Xuvenil do Concello da Laracha xa poden tramitarse as solicitudes de axudas para a realización de cursos de inmersión en lingua inglesa que convoca o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e que serán organizados pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. O prazo permanecerá aberto ata o día 3 de febreiro.

Estas bolsas de estudos van dirixidas a mozos que non teñan cumprido 30 anos de idade a 31 de decembro de 2014 e que sexan bolseiros de ensinos universitarios, ensinanzas artísticas superiores ou outros estudos superiores ou formación profesional de grao superior durante os dous últimos anos.

Tal e como establece a convocatoria (publicada no BOE o 13 de xaneiro), os cursos impartiranse nas modalidades de axilidade oral en inglés e de inglés especializado, sendo a súa duración de cinco día e desenvolvéndose en réxime de internado –para garantir a inmersión lingüística- en diversas localidades españolas (A Coruña, Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla, entre outras).

Censolar

Por outra banda, o Centro de Estudos de la Energía Solar (Censolar) vén de anunciar a convocatoria de bolsas de estudos para realizar, durante o curso 2014-2015, a ensinanza a distancia para a obtención do diploma de proxectista instalador en enerxía solar. Os agraciados coas bolsas cursarán esta acción formativa de xeito gratuíto.

O único requisito para poder optar a esta bolsa é posuír coñecementos técnicos previos de grao medio, aínda que se valorarán tamén outros niveis.

Neste caso o prazo manterase aberto ata finais de abril. A solicitude de participación nesta convocatoria de axudas tamén pode tramitarse na Oficina de Información Xuvenil do Concello da Laracha.

20 de xaneiro de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.