A Federación Española de Balonmán ten a intención de trasladar o modelo de escolas da Deputación ao resto de España

Presentación das escolas
O balonmán será no 2014 o rei das escolas deportivas da Deputación de Pontevedra. Dos 7.500 mozos que participarán das 275 escolas habilitadas en máis de 50 concellos da provincia en todas as disciplinas, 2.734 deportistas integrarán as 148 escolas de balonmán que se habilitaron nun total de 31 municipios. Serán 37 novas a respecto da tempada do 2013. Nunca na historia de Galicia houbo tantas. O presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez, felicitou esta mañá ós clubs, á Deputación e á Xunta por este “exemplo insuperable” de modelo de xestión deportiva desenvolvido desde o organismo provincial.
“Queremos exportar este sistema ó resto de España porque o futuro está precisamente aí”, dixo Blázquez tras eloxiar os éxitos deportivos dos clubs da provincia de Pontevedra e pólos como exemplo dos resultados que chegan “cando as cousas se fan ben”.
A presentación da tempada 2014 das escolas de balonmán da provincia de Pontevedra reuniu hoxe na sede da Deputación en Vigo a máis de 200 representantes dos clubs, nun acto presidido polas deputadas Begoña Estévez e Marta Iglesias, e onde non faltaron nin o presidente da federación nacional, Francisco Blázquez; nin o da federación galega, José Luís Pérez Ouro; ou a subdirectora xeral de Deportes da Xunta, Laura Mosquera.
O presidente da Federación Galega de Balonmán puxo a provincia de Pontevedra como “o mellor exemplo da comunidade autónoma e tamén un dos mellores de toda España”. E sinalou a “boa disposición da Deputación e da Xunta” como unha das claves deste “crecemento exponencial sen precedentes”. A provincia pasou de pouco máis de 900 practicantes en escolas deportivas a máis de 7.200 en só cinco anos.
Do mesmo xeito, a subdirectora xeral para o Deporte da Xunta, Laura Mosquera, significou o “esforzo das administracións para formar ós mozos, ós monitores e ós clubs”.
A deputada provincial Begoña Estévez garantiu a continuidade da aposta da Deputación de Pontevedra polo modelo de escolas deportivas “que se demostrou un sistema de éxito e con resultados obxectivos e medibles dos que todos nos sentimos moi orgullosos”.
As 148 escolas de balonmán da provincia recibiron no acto celebrado esta mañá en Vigo o material necesario para a tempada de mans dos responsables públicos.











