A Executiva do Partido Socialista de Ourense ratifica o seu apoio ao grupo crítico
A Executiva provincial de Ourense do PSdeG ratificou o seu apoio ao grupo crítico e ao concelleiro que foi desposuído das súas competencias polo alcalde da cidade, Agustín Fernández, na reunión celebrada a última hora deste martes, na que non se elaborou ningunha resolución, senón que se decidiu esperar á resolución da dirección galega do partido prevista para “esta semana”.
Así o indicaron fontes socialistas consultadas, que sinalaron que a Executiva apoiou ao secretario provincial, Raúl Fernández, para manter as negociacións internas precisas co fin de chegar a unha resolución no ámbito orgánico galego.
A reunión celebrada o martes a partir das 19,30 –e que se prolongou durante cinco horas– foi convocada con urxencia, o luns, polo que algúns membros non puideron asistir, como o alcalde do Barco de Valdeorras Alfredo García, pero si o fixeron, entre outros, o tres do cinco edís do grupo crítico que a integran.
A Executiva autonómica “está hoxe” centrada no reto de resolver a crise local socialista, a primeira desatada desde que José Ramón Gómez Besteiro foi elixido secretario xeral dos socialistas galegos.
“ESTA SEMANA”
Non en balde, fontes da dirección galega do PSdeG aseguraron que esta crise se resolverá antes de que finalice a semana, tendo en conta que, admiten, a situación que atravesa o partido na terceira cidade de Galicia “non é a óptima”.
Tras advertir, do mesmo xeito que o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, de que o tempo do diálogo está a tocar ao seu fin, remarcaron que a toma de decisións por parte da executiva autonómica “non vai pasar desta semana”.
E, de manterse igual de afastadas as posicións dos dous bandos do grupo municipal socialista de Ourense, as mesmas fontes lembraron que os estatutos do partido recollen medidas disciplinarias como a apertura dun expediente a un afiliado ou, mesmo, a súa expulsión da formación.
O que teñen claro é que “prima” a gobernabilidade da cidade, da que está encargado Agustín Fernández, tamén integrante da cúpula do PSdeG.











