A Eurocidade Chaves-Verín participa no X Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
A Eurocidade Chaves-Verín asistirá o luns 27 en Baiona como membro da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ao X plenario da mesma, segundo comunicaron o titular da Xunta e tamén presidente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Alberto Núñez Feijóo e o presidente da CCDR-N (Comissâo de Coordenaçao e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal), Emidio Gomes, aos alcaldes de Verín e Chaves.
Neste plenario, o presidente da Câmara Municipal de Chaves, en representación da Eurocidade presentará o traballo desenvolvido dende a aprobación do proxecto Eurocidade no ano 2008, baseado nos catro eixes estratéxicos que marcaron o marco 2007-2013: creación dunha estrutura de cooperación con personalidade xurídica propia (AECT Eurocidade Chaves Verín, a creación dunha Zona Franca Social da Eurocidade a través da xestión de equipamentos e servizos e a Tarxeta do Eurocidadán, a promoción económica a través do turismo e o termalismo e o desenvolvemento sostible coa implementación dunha senda eco fluvial polo río Támega. Ademais o presidente, presentará a folla de ruta para o próximo marco plurianual 2014-2020 centrándose nos seguintes obxectivos estratéxicos:
1. A captación e xestión de fondos Comunitarios por parte da Eurocidade.
2. O desenvolvemento dunha rede de Eurocidades do atlántico impulsada pola Eurocidade.
3. O desenvolvemento dun plan de actuación de asistencia sanitaria transfronteiriza na Eurocidade que se materialice nun convenio de cooperación transfronteiriza da Eurocidade.
4. A implementación dun transporte público de proximidade.
5. A creación dun Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro (CCPA).
6. O desenvolvemento do termalismo como factor base de competitividade.
7. A consolidación dunha plataforma loxística transfronteiriza.
8. O deseño dunha Smart Comunity, entre outros.
A estratexia da Eurocidade Chaves-Verín pasa pola coordinación e xestión conxunta de equipamentos e servizos prestando especial atención ás temáticas de turismo, deportes, cultura e medio, claves para o desenvolvemento do territorio. Así mesmo, a planificación conxunta de ambos os dous municipios centrarase na concentración de recursos e nunha aposta pola innovación e o emprego, en consonancia coas estratexias de especialización intelixente RIS3.
No plenario trataranse temas de grande importancia estratéxica para Galicia-Norte de Portugal como o Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión para ou período 2014-2020, o Iacobus’, ou Erasmus eurorrexional e a proposta do Eixo Atlántico de que o Camiño Portugués a Santiago de Compostela sexa equiparado co camiño francés para o próximo Ano Xacobeo. Ademais traspasarase a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal das mans galegas de Feijoo quedando á fronte do organismo para os próximos dous anos o titular da CCDR-N, Emidio Gomes.
A comunidade de traballo que promove a Xunta de Galicia e a Comissâo de Coordenaçao e Desenvolvimento Regional do Norte de Portuga, conta actualmente con 15 comisións constituídas por técnicos e principais actores deste territorio que abordan os grandes temas que preocupan á rexión. É unha entidade transfronteiriza, creada en 1991, coa finalidade de promover unha dinámica de encontros regulares entre Galicia e Norte de Portugal, consolidando unha frutífera cooperación.











