A Estrada acollerá a saída dunha etapa da Volta a España por primeira vez na historia
A Estrada será, por primeira vez na historia, punto de partida dunha etapa da Volta Ciclista a España, despois de que as xestións da Deputación de Pontevedra conseguisen pechar, por terceiro ano consecutivo, a presenza desta proba ciclista na provincia.
O inicio desta etapa na Estrada obedece á intención do organismo provincial de promover o conxunto da provincia achegando a proba ciclista ós concellos do interior; e tamén é froito da implicación do rexedor local e deputado provincial, José López Campos, que xa analizara con Rafael Louzán en varias ocasións as posibilidades de levar este evento ó concello.
De feito, a saída dunha das últimas etapas da Volta a España desde A Estrada pretende non só ser un elemento de dinamización económica e promoción turística, senón tamén servir de homenaxe á tradición ciclista deste concello, reflectida no histórico Club Ciclista Estradense, no Bike Estrada e en recoñecidos ciclistas que disputaron a Volta a España en distintas edicións anteriores.
A etapa disputarase o xoves, 11 de setembro, e percorrerá máis de 15 concellos das comarcas de Tabeirós-Terra de Montes, Caldas, O Salnés e Pontevedra. Así, desde A Estrada seguirá cun itinerario polos concellos de Cuntis, Moraña, Caldas de Reis e introducirase no Salnés, onde pasará por Vilagarcía de Arousa e Cambados, entre outros. Achegarase tamén ó Mosteiro da Armenteira, para rematar no alto do monte Castrove, no concello de Meis, co campo de golf como pano de fondo e cunhas excelentes vistas sobre as rías de Arousa e Pontevedra.
Segunda etapa
A Deputación de Pontevedra e os organizadores da Volta teñen acordada tamén a realización dunha segunda etapa na que se lle quere dar peso ó sur da provincia, pero traballan aínda para pechar os detalles do percorrido, que se agarda concretar ó longo da vindeira semana.
Coa deste ano son xa tres edicións consecutivas nas que esta importantísima proba ciclista servirá de embaixadora da provincia no mundo, achegando a mellor imaxe de Pontevedra a máis de 170 países.
Dinamización económica e turística
O obxectivo da Deputación de Pontevedra é conseguir que, un ano máis, a Volta a España supoña un revulsivo económico para a provincia de Pontevedra e, especialmente, nos concellos polos que pasa.
Ademais, a Administración provincial confirma que a caravana da Volta se hospedará durante tres noites en hoteis da provincia de Pontevedra, servindo como revulsivo para un sector estratéxico e contribuíndo deste xeito a prolongar a ocupación hostaleira, xa que a proba pasa por aquí cando xa pasou a temporada alta do turismo.
A experiencia dos dous anos previos demostra que este evento deportivo supón un notable movemento económico no sector de hostalería e de restauración, ademais de ter un extraordinario efecto de promoción turística.
A implicación da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo que dirixe a pontevedresa Nava Castro, facilitará que unha vez máis Galicia, e con ela Pontevedra, se converta no centro de referencia do ciclismo internacional e se beneficie da presenza dun dos eventos deportivos con excelentes efectos promocionais e de dinamización económica sobre os lugares polos que pasa.











