A empresa compostelá TEN é a única de Galicia beneficiaria nos Proxectos Clima do MAGRAMA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A empresa compostelá de valorización de residuos e membro da Asociación Profesional de Empresas Ambientais de Galicia (APROEMA), Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste (TEN),  é a única representante de Galicia de entre os 49 beneficiarios da segunda convocatoria dos Proxectos Clima promovidos polo Fondo de Carbono FES-CO2 –entidade pertencente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA)– cos que se pretende contribuír á redución de emisións de CO2 nos chamados sectores difusos (agricultura, transporte, residencial e residuos).

TEN é unha do cinco empresas seleccionadas no apartado de residuos, con un  proxecto baseado no uso de biomasa forestal nunha instalación MHT (Mechanical Heat Treatment) de tratamento de residuos sólidos urbanos.  “A diferenza doutros proxectos, nós non tivemos que realizar ningún traballo de substitución de gas natural por combustible renovable porque desde o principio utilizamos unha caldeira de biomasa. En total, evitamos 3.000 toneladas ao ano de emisións de gases de efecto invernadoiro”, explicou onte desde Madrid o director desta compañía, Xosé Quiroga, á saída do acto de firma dos proxectos, presidido polo titular do MAGRAMA, Miguel Arias Cañete.

No entanto, Quiroga expresou a súa “sorpresa” ao saberse a única proposta de Galicia que foi beneficiada, dada a “gran capacidade de produción de biomasa” que ten a zona, uns 4,7 millóns de toneladas. “Non me parece normal”, afirmou. Ante esta aparente falta de representación, o membro de APROEMA apuntou á propia complexidade deste tipo de convocatorias públicas como posible causa que dificulta a adhesión e selección de máis empresas: “O traballo de redacción non é fácil, aínda que é certo que hai que perderlle o medo a este tipo de convocatorias nacionais. Ademais, contas co apoio do MAGRAMA que che orienta e asesórache desde o minuto cero xa que están tan implicados como o promotor en levar a bo porto o proxecto presentado”.

Por iso, e en referencia á proposición non de lei presentada onte polo PP no Congreso para trazar unha folla ruta de redución de emisións de CO2 nos sectores difusos, pediu que se favorecese “un ambiente propicio” para as empresas que queiran verificar as súas reducións a través de iniciativas como o Proxecto Clima. “É unha cuestión que podería encaixar dentro desa folla de ruta”, suxeriu.

As FES-CO2 adquirirá as reducións verificadas dos 49 proxectos a través dun contrato de compravenda. Si na convocatoria de 2012 fixáronse como obxectivo 800.000 toneladas de CO2 a reducir no próximos catro anos, agora prevese un descenso de máis dun millón de toneladas no mesmo período.

Consumo de biomasa forestal

Con respecto á situación do consumo de biomasa forestal en Galicia, Quiroga recalcou a necesidade de potenciar a venda e uso deste recurso tanto na propia comunidade autónoma como no resto de España fronte ás exportacións a países como Holanda, Reino Unido e Italia. “Alí teñen un panorama máis claro en canto a emisións e, por tanto, benefícianse da biomasa para controlar os seus niveis”, comentou á vez que lembraba a imposibilidade de levar a cabo unha promoción efectiva do uso da biomasa por parte da Administración sen contar primeiro cunha base de usuarios sólida.

Neste sentido, cualificou de “positivos” os pasos que deu o Goberno en materia ambiental xa que, na súa opinión, ao dar prioridade ao mercado doméstico das emisións fronte aos terceiros países, poténciase a xeración de emprego.

29 de xaneiro de 2014 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.