A diversión para os máis cativos continúa en Vilagarcía cos obradoiros de xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de ArousaXuventude
A-
A+

O Aninovo chega para os máis cativos do mesmo xeito que rematou o 2013: con moita diversión. Neste último tramo das festas de Nadal, os nenos e nenas da cidade poderán pasar as tardes entretidos e divertíndose nos obradoiros que a Concellería de Xuventude organiza na Praza de Galicia, ou, se chove, na da Peixería.

O programa iniciado a pasada semana continúa hoxe cos preparativos para a visita dos Reis Magos. Por iso, o obradoiro desta tarde estará dedicado á confección de orixinais cartas nas que os nenos e nenas poderán escribir a Melchor, Gaspar e Baltasar e expoñerlle as súas peticións.

E mentres non chegan os agasallos que poidan traer os Reis Magos o 6 de xaneiro, os nenos e nenas poderán deseñar e fabricar os seus propios xoguetes, como o quebracabezas que poderán facer os que participen o obradoiro previsto para a tarde de mañá venres. E o sábado, concluirá o programa de obradoiros cunha actividade de confección de chaveiros.

Todas as actividades celebraranse entre as 17 e as 19 horas na Praza de Galicia, a non ser que chova. Neste caso, a programación manterase pero a actividade trasladarase á Praza da Peixería onde os nenos e nenas poderán pasar a tarde baixo teito realizando as manualidades que lles ensinarán os monitores de cada obradoiro.

2 de xaneiro de 2014 | 11:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.