publicidade hoxe

A Deputación ultima o trazado do carril bici metropolitano na comarca da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaArteixoCambreCulleredo
A-
A+

Responsables municipais dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre e Culleredo, así como a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo, asistiron esta tarde a unha reunión convocada desde a Deputación da Coruña para coñecer os últimos detalles do trazado do carril bici metropolitano que a institución provincial pretende iniciar este ano.

Así, cun primeiro investimento estimado de 3 millóns de euros, Diego Calvo mostrou as liñas básicas dun plan que ten como obxectivo a interconexión de 78 quilómetros de senda ao longo destes concellos.

Isto supón a execución de 40,5 quilómetros de nova creación que se sumarán aos 37,5 xa existentes, co que o resultado dará unha lonxitude total de 78 quilómetros.

Segundo explicou Calvo, acompañado de técnicos provinciais de Vías e Obras, “o que queremos é facilitar unha ruta de mobilidade alternativa para todos os veciños da comarca” a través da redacción, xa durante este ano, do proxecto executivo, e tamén da execución das primeiras obras que faciliten esa interconexión. Para iso, solicitou a colaboración dos concellos, que deberán poñer a disposición da Deputación os terreos necesarios para o inicio dos traballos.

Unha vez solucionado este asunto, o seguinte paso é asinar un convenio cos concellos interesados en adherirse ao proxecto, co fin de executar o carril bici metropolitano.

En resumo, os pasos que se han dar pasan pola creación de novas infraestruturas viais para ciclistas, a execución de obras singulares para facilitar o paso das bicicletas, o acondicionamento dos viarios existentes, e a dotación dunha sinalización adecuada tanto no novo itinerario como  naqueles xa existentes e que así o requiran.

Por concellos, a previsión é a seguinte:

Arteixo: actualmente conta con cinco vías ciclistas inconexas entre si ao longo de 9 quilómetros. Segundo o trazado proposto desde a Deputación, alcanzará un itinerario continuo de 20 quilómetros.

A Coruña: inicialmente presenta 14,5 quilómetros non continuos, e pasará a ter un itinerario continuo de 20 quilómetros.

Cambre: cunha moi ampla oferta ciclista na actualidade, ao longo de 17 quilómetros, verá co novo proxecto como a súa infraestrutura será acondicionada á normativa vixente. Ademais, resolveranse as discontinuidades que presenta e a conexión co resto da área metropolitana.

Culleredo: mellorarase a seguridade viaria con obras de especial paso ciclista e solucionarase a súa conexión cos concellos de Cambre e A Coruña.  

Oleiros: incrementará en sete quilómetros a súa actual infraestrutura, creándose unha ruta branda de 14 quilómetros que permitirá circular desde Santa Cristina ata Mera.

30 de xaneiro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.