A Deputación de Ourense encargarase da xestión do Centro Verde de San Cibrao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense asumirá a xestión do “Centro Verde” de San Cibrao das Viñas, unha infraestrutura que ten como finalidade a recollida, almacenamento e clasificación de residuos industriais das empresas do polígono e que vai ser xestionado pola sociedade de economía mixta que se cre tralo proceso de externalización da xestión medioambiental da institución provincial, así como tamén o “Punto limpo” de San Cibrao. Así o acordaron hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández Moreiras, na xuntanza que mantiveron no Pazo Provincial.

O Centro Verde é unha infraestrutura medioambiental construída pola Xunta de Galicia na que se investiu preto dun millón de euros, que ocupa unha superficie de 10.000 metros cadrados. As obras foron rematadas en 2013, e coa súa entrada en funcionamento dará servizo a unha das áreas máis dinámicas do ámbito empresarial de Galicia como é o polígono de San Cibrao das Viñas.

O funcionamento do Centro Verde é semellante o dun “Punto limpo”, coa diferenza de que no centro verde non se xestionan residuos domiciliarios senón que se fai a recollida, almacenamento, separación e clasificación de residuos exclusivamente de tipo industrial, procedentes das empresas do polígono, o que permitirá optimizar a xestión que fan as mesmas dos seus residuos.

Manuel Baltar e Pedro Fernández analizaron tamén temas relacionados con actuacións en materia de infraestruturas no concello, e de vías provinciais e de titularidade municipal.

24 de xaneiro de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.