publicidade hoxe

A Deputación de Lugo contrata as últimas obras do complexo multideportivo de Monterroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonterroso
A-
A+

A Xunta de Goberno aprobou este venres a contratación da última fase das obras de construción do complexo multideportivo con piscina climatizada de Monterroso, por un importe de 350.000 euros. Tal e como destacou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, “a pesares dos problemas, sacamos adiante un proxecto que suporá unha considerable mellora na calidade de vida dos veciños de toda a comarca da Ulloa”. Nesta última fase levaranse a cabo pequenas actuacións restantes, como a instalación de portas; de parte do acristalamento ou tarefas de pintura, polo que previsiblemente estarán rematadas nun prazo de seis meses.

Trátase dunha infraestrutura situada no parque empresarial monterrosino que contará con piscina climatizada de 200 metros con capacidade para 100 persoas; un ximnasio de 112 metros cadrados para máis de 20 usuarios; unha pista multideportiva, e outros servizos deportivos e sociosanitarios para persoas de todas as idades. Os veciños da Ulloa contarán con espazos para a práctica de deportes como o baloncesto, fútbol ou pádel, e os usuarios de máis idade poderán recibir tratamentos termais nunhas instalacións modernas para as que se tiveron en conta factores como o illamento acústico ou o aforro enerxético. “A Deputación saldará así unha reclamación histórica de Monterroso, que levaba anos pedindo á Xunta de Galicia a creación dun complexo público como este para a Ulloa”, destacou Martínez.

A posta en marcha desta dotación habilitará novos servizos ós veciños, ó tempo que potenciará a creación de traballo na zona, pola obriga de incorporar persoal como monitores de deportes ou socorristas, así como outros postos de traballo como administrativos, vixilancia ou persoal de limpeza.

Aforro co plan enerxético

A Xunta de Goberno aprobou a contratación de 1.133 novos compoñentes enerxéticos para Navia de Suarna, Meira e A Pastoriza, co que estes Concellos aforrarán só nas facturas da luz uns 30.000 euros ó ano. Martínez explicou que se tratan dunhas novas actuacións enmarcadas no plan enerxético da Deputación, que a Deputación financia ó 100%, supoñendo un custe de cero euros para os Concellos.

O plan enerxético da Deputación aforrará a estes 3 Concellos 150.000 euros: 30.000 euros que custarían, segundo o mercado, as auditorías enerxéticas, que asume a Axencia Provincial da Enerxía; 87.000 euros ó asumir a adquisición e instalación do material enerxético en casas consistoriais, casa da cultura e colexio e alumeado público; e 30.000 euros nos que reducirán as facturas enerxéticas anuais destes municipios.

Son 37 os Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó plan enerxético da Deputación que xa permitiu contratar de xeito conxunto, polo momento, compoñentes enerxéticos para os Concellos de Cervantes, Pol, Samos, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla, O Valadouro, O Incio, Abadín; A Fonsagrada; Becerreá, Viveiro, Riotorto, Láncara, Trabada, O Vicedo, Pobra de Brollón, Navia de Suarna, Meira e A Pastoriza.

Comunidades veciñais 2013

Na mesma Xunta de Goberno aprobáronse as contas xustificativas doutras 10 obras do Plan de Comunidades Veciñais 2013, dotadas cun total de 96.000 euros, que financia na súa totalidade a Deputación, aforrando así cartos ós 8 Concellos nos que se executaron estes traballos. Trátase dos Concellos de Abadín, Baralla, Barreiros, Castroverde, Cervo, Guitiriz, Monforte de Lemos e Monterroso. Este plan, dotado con 2 millóns de euros, permitirá executar este ano máis de 200 actuacións de mellora e dotación de servizos e equipamentos públicos no rural. A iniciativa contribúe, desta forma, a fixar poboación coa mellora das condicións de vida e de traballo das súas xentes, pois con ela lévanse a cabo pequenas obras, pero cunha profunda relevancia social e que, nin as asociacións veciñais, nin as propias entidades locais, poderían acometer por si mesmas.

24 de xaneiro de 2014 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.