A Deputación da Coruña recibiu 3.000 solicitudes de subvencións de concellos
En total, contabilizáronse 1.951 solicitudes de entidades e 1.091 procedentes de concellos, no que foi o primeiro exercicio no que se implantou a presentación da documentación de forma telemática e nunha convocatoria na que a totalidade dos concellos da provincia presentaron algunha petición de axuda económica.
A intención da Deputación coa posta en marcha deste novo sistema pasa polo obxectivo de axilizar uns trámites que, ademais de buscar a forma de achegar a administración ao cidadán, permitirán resolver todas as peticións nun breve período de tempo. A intención do goberno provincial é que antes do verano estean resoltas todas as solicitudes.
Ampliación do prazo
Conscientes do que supón a implantación dun novo sistema, desde a institución provincial decidiuse ampliar o prazo de presentación de solicitudes que se abriu o pasado 15 de novembro. No caso das entidades, o prazo que en principio remataba o 20 de decembro, igual que para os concellos, ampliouse ata as 14 horas do pasado venres 10 de xaneiro.
Durante estes dous meses, os técnicos da institución provincial axudaron a resolver practicamente o 100% das consultas tanto telefonicamente como de forma personalizada a través dun punto de información de atención personalizada que contaba con equipos informáticos a disposición de todas as persoas interesadas en completar os formularios para as solicitudes de subvencións.
Sesións informativas
Ademais dunha información continua e publicidade a través de diferentes soportes, durante o mes de novembro, puxéronse en marcha ata 10 sesións informativas en diferentes concellos da provincia ás que asistiron preto de 2.000 persoas.
Co fin de chegar ao maior número de poboación posible, organizáronse conferencias en Carballo, Cee, Betanzos, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Ortigueira, Santiago, Melide, Ribeira e Outes.
Durante estes encontros, traballadores tanto das áreas de Intervención como de Organización e Sistemas acompañaron aos técnicos de Cultura, Deportes, Promoción Económica ou Servizos Sociais para ofrecer a información necesaria a todos os interesados en solicitar algún tipo de axuda da Deputación.
Deste xeito, os representantes dos concellos ou das entidades sen ánimo de lucro obtiveron información, ademais das características das diferentes liñas de subvención abertas, o funcionamento do sistema telemático de solicitude, a documentación a aportar e os prazos específicos para cada convocatoria.
Presentación informatizada do POS
Ademais destas novidades, este ano tamén se implantou na Deputación da Coruña a presentación telemática dos proxectos que os concellos queren incluír no Plan de Obras e Servizos, dotado con 24,2 millóns de euros.
Neste caso, e despois de que o prazo pechara o día 27 de decembro, contabilizáronse un total de 429 solicitudes procedentes dos 93 concellos da provincia.











