A Deputación da Coruña converte en itinerante a exposición ‘Fotoxornalismo Coruña 2013’
A primeira das paradas é a Casa da Cultura Pintor Llorens de Sada, onde se atopa desde o 8 de xaneiro e onde permanecerá ata o próximo día 20. Despois a mostra estará en Oleiros (22 de xaneiro a 5 de febreiro); Fene (do 7 ao 19 de febreiro na Casa da Cultura); Brión (do 21 de febreiro ao 5 de marzo na Casa da Cultura); Carballo (do 7 ao 19 de marzo, no Pazo da Cultura); Cambre (do 21 de marzo ao 6 de abril na Sala de exposicións da Biblioteca Central); Abegondo (do 8 ao 20 de abril, no Centro Cultural O Salón); Betanzos (do 22 de abril ao 4 de maio, no Liceo) e Pontedeume (data por confirmar).
As vinte instantáneas das dúas decenas de autores achéganse a todos os campos da actualidade, supoñendo tamén unha mostra das diferentes estéticas dos fotógrafos.
Esta exposición naceu no ano 2000 co obxectivo de reunir aos profesionais que desenvolven o seu traballo na cidade da Coruña a través de diarios, revistas, gabinetes de comunicación e axencias de noticias trasladando a través das súas fotografías a realidade e a actualidade.
Nesta duodécima edición participan os fotógrados Amador Lorenzo, Andy Pérez, J. Cabalar, Vanesa Casteleiro, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, José Sánchez, Juan Varela, Marta Capote, Mero Barral, Moncho Fuentes, Paco Rodríguez, Carlos Pardellas, Patry Fraga, Pedro Puig, Quintana, Susy Suarez, Torrecilla e Víctor Echave.











