A Deputación da Coruña aproba o plan de conservación de estradas no mes de xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
A Deputación da Coruña deu luz verde esta mañá ao plan de conservación de estradas, cunha primeira fase de proxectos dotada con 9,6 millóns de euros. Esta é a primeira vez na historia da institución provincial en que o plan ponse en marcha no mes de xaneiro, o que, segundo explicou o presidente Diego Calvo, “é proba de que estamos a mudar o xeito de traballar e de atender as necesidades dos concellos e dos seus veciños”.

O plan provincial de conservación e mantemento de estradas está dotado con 10,8 millóns de euros, e inclúe actuacións ao longo de toda a rede provincial de estradas. Reserva unha partida para proxectos futuros que poidan xurdir neste senso.

Ademais desta cuestión, o pleno aprobou de forma definitiva as bases e criterios reguladores do plan DTC93, Unha Deputación para Todos os Concellos, dotado este ano con 18 millóns de euros e ideado para axudar aos municipios da provincia nestes tempos de crise.

Durante a súa intervención, Calvo defendeu “a obxectividade e a transparencia” das bases deste plan, á vez que acusou aos deputados do BNG “de ir polos concellos da provincia dando datos falsos”. Para sustentar esta afirmación, o presidente explicou que “non se poden comparar as cantidades do POS e do DTC por varias razóns”. Entre elas, citou que este ano o montante total do DTC é un 75% inferior ao POS, cuestión que, ao seu xuízo, “debería terse en conta para facer os baremos”.

 “Como nós si temos os datos, non me pode dicir que estamos a favorecer ás cidades, xa que nesta Deputación facemos unha clara discriminación positiva cara aos concellos máis pequenos e tamén aos que teñen menos capacidade económica”, continuou Calvo, que insistiu en que, facendo un suposto reparto entre habitantes, “cada coruñés recibe do DTC 5 euros e cada veciño de A Capela, por certo gobernada polo PSOE, recibiría 75 euros”.

Convenio Ecomuseo Forno do Forte

Ademais deste asunto, a corporación aprobou por unanimidade un convenio co Concello de Malpica para a xestión integral do Ecomuseo Forno do Forte en Buño. Esta xestión implicará a atención completa aos turistas a través de visitas guiadas ao conxunto etnográfico, aos elementos museísticos e, en xeral, a todas as exposicións que alí se organicen.

Para iso, o Ecomuseo disporá dun servizo de guía ou monitor, pero tamén se facilitará información a través de documentación sobre o Forno e o municipio de Malpica, ademais de calquera outra información turística e cultural acerca de toda a Costa da Morte.

Así, a Deputación da Coruña aportará ata un máximo de 60.000 euros ao longo do 2014 para cubrir o cen por cento dos gastos non cubertos cos ingresos. A mesma cifra se investirá en 2015.

Pola súa banda, o Concello comprométese a manter e conservar o inmoble en perfectas condicións, así como os bens que se atopan no mesmo. Tamén se encargará da organización das actividades e, en xeral, da dinamización do museo, en especial no relacionado coa alfarería de Buño. O goberno local de Malpica asumirá con este contrato a compilación de información sobre o patrimonio etnográfico da zona, o fomento do estudio e investigación en colaboración coas agrupación alfareiras e culturais e difundirá a cultura popular da comarca.

Ademais, a taberna do complexo, que tamén a xestionará o Concello, ofrecerá produtos tradicionais da zona. O horario de atención ao público será, como mínimo, de 11 a 14 horas e de 16 a 19, todos os días da semana salvo o luns.

Declaración institucional

Ao inicio da sesión plenaria, os grupos con representación no pleno da Deputación deron lectura a un manifesto conxunto para sumarse ás demandas da comunidade educativa da Universidade Laboral para conseguir a homologación oficial dos cursos da especialidade Marítimo-Pesqueira.

31 de xaneiro de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.