publicidade hoxe

A delegada territorial reunirase cos veciños do Piornedo para buscar “unha solución” ao problema de conservación das pallozas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, manterá unha reunión a vindeira semana cos veciños do Piornedo para buscar unha solución ao problema do deterioro das pallozas que recentemente puxeron de relevo os propietarios.

A delegada asegura que a Xunta “está interesada en promover unha solución estable e duradeira que garanta a conservación das pallozas. Unha solución que nos implique a todas as administracións e por suposto aos propietarios”.

Neste sentido, Arias continuará coa rolda de consultas que iniciou a semana pasada entrevistándose co alcalde de Cervantes, Benigno Gómez. Escoitará a opinión dos veciños e veciñas e cabe lembrar que tamén solicitou unha xuntanza co presidente da Deputación para tratar este tema.

A delegada territorial estima que “todas as administracións con competencia no territorio e máis os propietarios das pallozas debemos avaliar a situación e atopar unha solución a longo prazo”. Ao respecto, explicou que “o problema vai máis alá do custo que supón repoñer os teitos das pallozas, xa que na actualidade é incluso difícil atopar no entorno o material axeitado para os tellados e profesionais cualificados para o traballo”.

A Xunta de Galicia, apunta, “é consciente do valor patrimonial, paisaxístico e cultural das pallozas e está disposta a seguir colaborando nunha solución que garanta a súa conservación para as xeracións futuras”.

22 de xaneiro de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.