A delegada da Xunta na Coruña recibe o novo director de Unión Fenosa distribución en Galicia

Belén do Campo na reunión co novo director de Unión Fenosa
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, recibiu esta mañá no seu despacho ao novo director de Unión Fenosa Distribución para a Comunidade Autónoma, Juan José Picón. Trátase do primeiro encontro institucional desde que Picón se incorporara a principios de ano ao cargo.
Na reunión, na que tamén estivo o delegado de zona da empresa, José Antonio Fernández Amaro, a delegada territorial e o responsable de distribución eléctrica da compañía analizaron aquelas actuacións nas que as institucións que representan están implicadas e, en xeral, a situación actual do subministro eléctrico na provincia da Coruña. Neste senso, destacaron a necesidade de aumentar a colaboración entre as administracións e a empresa de cara a mellorar as deficiencias existentes nesta materia.
Do Campo tamén fixo un chamamento ao novo responsable de Unión Fenosa Distribución en Galicia para o aumento dos investimentos da entidade que representa na Coruña. O encontro concluíu coa boa disposición expresada por ambas dúas partes por manter un diálogo fluído e de cooperación, co fin de atender do mellor xeito posible as demandas dos cidadáns e usuarios.











