A delegación territorial da Xunta en Ourense presenta o balance do pasado ano e os proxectos previstos para 2014
O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, compartiu cos xornalistas ourensáns un almorzo informativo para facer balance das actuacións levadas cabo polo Goberno galego durante o ano pasado e presentar os proxectos máis salientables que se executarán durante o presente exercicio. Martínez aproveitou este encontro cos profesionais dos medios de comunicación da provincia de Ourense para solicitarlles “a colaboración profesional para trasladarlle con obxectividade á cidadanía o traballo que facemos a cotío desde o Executivo galego”.
“Na realidade que nos está a tocar vivir, as persoas que temos responsabilidades políticas temos que arrimar o ombreiro a prol do ben común e manifestar dun xeito claro o compromiso coa sociedade. Isto é o que está a facer o actual goberno galego”, asegurou Rogelio Martínez. Expresou a súa confianza de que os ourensáns comprendan que a aplicación de políticas austeras por parte da Xunta se fai coa intención de que se poda iniciar a senda da recuperación económica canto antes”
Así, o delegado territorial referiuse aos orzamentos aprobados para este exercicio -que contemplan un gasto territorializado para Ourense cifrado en 229.600.000 euros- cualificándoos de “realistas e responsables, axeitados para o momento actual e para encarar o futuro cun moderado optimismo”.
Na súa intervención, o máximo representante do Goberno galego en Ourense resumiu as actuacións e políticas levadas a cabo pola Xunta na provincia. “Como consideramos que hoxe a necesidade urxente e primordial é medrar e crear emprego, continuaremos a traballar co obxectivo de incrementar a empregabilidade e revitalizar a nosa economía”, asegurou, enumerando as medidas que a Xunta tomou con esta finalidade que se traducen na organización de numerosos cursos AFD e un total de 11 obradoiros de emprego. O investimento tanto para formación de ocupados coma para desempregados cifrouse o ano pasado en preto de 9 millóns de euros. Ademais, Rogelio Martínez aludiu ás axudas que apoian a emprendedores, pemes, autónomos, clústers, cooperativas, comerciantes, etc.
O delegado territorial destacou a blindaxe aos servizos sociais, a atención aos dependentes, a colaboración entre institucións, especialmente cos concellos, para ter en funcionamento unha serie de infraestruturas e programas. Neste senso subliñou a posta en marcha o pasado verán das brigadas forestais “un modelo que imos a manter cara a campaña que vén xa que nunha provincia como a ourensá, duramente castigada pola lacra dos lumes, temos comprobado a súa efectividade”.
No ámbito sanitario, Rogelio Martínez dixo que a Xunta seguirá a traballar co obxectivo de garantir unha atención axeitada a nosa poboación e matizou que para lograr este fin “en ocasións temos que redistribuír os recursos e optimizalos”.
Canto ao eido educativo, Martínez afirmou que a Xunta asegura unha ensinanza gratuíta de calidade, e que coa redistribución dos recursos que se dedicaba a este departamento logrouse dar unha resposta axeitada neste ámbito. “Continuaremos a traballar para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas, amosando así o compromiso da Consellería de Educación co benestar da comunidade educativa”, dixo o delegado.
Na área cultural salientou o esforzo do Executivo galego para garantir a conservación e mantemento dos bens que integran o Patrimonio cultural ourensán e enumerou os investimentos neste campo, subliñando os destinados á Catedral, á capela dos Remedios ou o parque arqueolóxico da cultura castrexa de San Cibrao de Lás.
No encontro cos xornalistas Rogelio Martínez remarcou a aposta que desde o Goberno galego se está a facer polos sectores estratéxicos da provincia ourensá, subliñando o seu apoio ao mundo do viño e do termalismo.
Ourense será en 2014 a provincia con maior investimento per cápita da Xunta no eido das infraestruturas, cun total de 188,4 euros por habitante. Medio Ambiente destina máis de 62M€ a nosa provincia, garantindo melloras na seguridade viaria e nos sistemas de saneamento e abastecemento.
Canto aos proxectos a realizar en 2014 o delegado territorial destacou a conclusión das obras do edificio xudicial, que supuxeron un investimento de 16M€; do parque de bombeiros do Carballiño, proxecto presupostado en 2M€ e que a súa posta en marcha posibilitará a constitución do Consorcio provincial contra incendios e salvamento; as obras de ampliación e modernización do Hospital 2050, cuxa adxudicación definitiva está a piques de resolverse e que mobilizarán –na súa primeira fase- 41M€ e, por último, as obras dos centros de saúde do Couto, Barbadás e Pontedeva.











