A curta de ciencia ficción “Vilamarcianos” estréase en Vilagarcía de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVilagarcía de Arousa
A-
A+

O ano que ven de comezar chega cunha invasión alieníxena a Vilagarcía. Este é o punto de partida da curtametraxe de ciencia ficción “Vilamarcianos” que o colectivo Videos Creativos estrea mañá, sábado 4 de xaneiro, ás 20:30 horas no Salón García. Escenas de acción, combates e persecucións aderezadas con grandes efectos dixitais e especiais, a intervención de especialistas e sofisticados medios técnicos; prometen diversión e espectacularidade nunha mini película que ten como único escenario a cidade de Vilagarcía. A entrada á estrea é libre de balde.

Coa realización desta curta, o colectivo composto por xóvenes de Vilagarcía profesionais en campos relacionados co mundo do cine e da publicidade a través da postprodución, o deseño dixital , a animación e os efectos especiais, pretende darse a coñecer, promover a colaboración e a creatividade neste eido e explorar posibles vías laborais. Ademais, a rodaxe de “Vilamarcianos”- ambientada integramente en exteriores de Vilagarcía-, así como o último proxecto no que están traballando, a curta de intriga e terror “Cuando la curiosidad te mata” -rodada na mansión dos Duques de Terranova con actores afeccionados locais-, contribúen a ofrecer unha nova imaxe de Vilagarcía a través do cine, tanto de cara á promoción turística como para amosar o potencial cinematográfico co que conta Vilagarcía e a súa contorna no que a exteriores se refire.

Dado que se trata dunha actividade sen ánimo de lucro, o Concello presta a súa colaboración a Videos Creativos para organizar a estrea ao público, como xa o fixera antes para a rodaxe e tamén na promoción.

O trailer de “Vilamarcianos” pode verse a través de Youtube.

3 de xaneiro de 2014 | 11:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.