A cubana Diana Tarín actuará na IV Gala do Comercio do Morrazo
A tan só unha semana da súa celebración, desvélase o nome do grupo musical que actuará na IV Gala do Comercio do Morrazo, a “Diana Tarín Band”. Diana Tarín é unha versátil músico nacida dunha familia de puro feeling musical na cidade da Habana, Cuba. Graduouse no conservatorio de música Coppelia de Vigo como pianaista e actualmente comparte a súa vida musical coa docencia. Posúe unha voz moi persoal, íntima e envolvente que seducirá ao público nesta gala. Integrou diversas agrupacións musicais galegas, nacionais e internacionais, que lle axudaron a destacar e contolar diferentes xéneros musicais a día de hoxe.
A agrupación Diana Tarín Band creouse no 2008 coa vocación de integrar os sons de diferentes lugares nun contexto común, dende a bossa nova, o soul, o funky , a samba, etc. Así chegaron a compoñer unha linguaxe común e entendible para todo espectador, nexo de todos os integrantes desta banda que achegan unha amplitude sonora de forza e sutileza ao mesmo tempo. O son da banda que acampaña a Diana Tarín callou da negrura da súa voz xunto co amplísimo coñecemento de recursos e cancións populares dos seus múscos, pasando por unha sutil conxugación de ritmos e cores “funkyjazz- étnicos” de todo o compendio instrumental. Os músicos que integran a Diana Tarín Band son: Diana Tarin: Voz e Percusión Gabriel Peso: Piano Lorenzo Boo: Guitarra Diego “Noti” Valero: Batería Pachi Cruz: Baixo Eéctrico Serán os responsables de darlle unha fantástica vida musical a esta IV Gala do Comercio do Morrazo, organizada pola Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo para o Domingo día 12 de xaneiro.
Este evento rota cada ano de localidade e este ano será celebrado en Bueu, no auditorio do Centro Social do Mar. Como todos os anos a entrada será de balde, pero contando que o aforo é limitado, polo que recomendamos que o público interesado se presente con tempo suficiente no recinto. O acto será conducido polo coñecido e premiado actor galego Luis Zahera, famoso polo seu papel como “Petróleo” na exitosa serie “Mareas Vivas”, e máis recentemente pola súa participación en series de televisión e filmes nacionais (“Sin tetas no hay paraíso”, “Celda 211”, etc). Con él como presentador os asistentes vivirán de preto un evento onde non faltará o humor e, por suposto, a boa música. Esta Gala do Comercio serve ademáis para poñer fin á tradicional Campaña de Nadal das empresas locais.
Entregaranse os cheques-compra de 100 e 200 euros aos agraciados gañadores, da man dos responsables dos establecementos que lles deron a sorte. Así mesmo, celebrarase en directo, a partir dunha aplicación informática, o sorteo dos tres premios de 1.500 euros entre todos os que participaron cos seus boletos en www.compranomorrazo.com. Lembramos que os que teñan no seu haber algún código da campaña deberán introducilo nesta páxina web antes do martes día 8 ás 23:59 horas.











