A Coruña acollerá o 19 de xaneiro a única carreira galega do circuíto ‘Sanitas MARCA Running Series’
O Concello, a través da área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que a cidade acollerá este domingo, 19 de xaneiro, a partir das 10.00 horas, a carreira Sanitas MARCA Running Series da Coruña, aprazada o pasado mes de xullo polo accidente ferroviario de Angrois.
A proba, que xa pasou por dez cidades españolas, terá saída e chegada na praza de María Pita, na única cita en Galicia. Inclúe distancias de 5 e 10 quilómetros segundo a elección dos corredores, nun circuíto apto para todos os públicos e perfecto para aqueles que busquen bater as súas marcas.
O prazo de inscrición finaliza o venres 17 de xaneiro ás 15.00 horas ou ao esgotarse os 2.000 dorsais dispoñibles para a carreira. As inscricións poden realizarse na páxina web municipal www.carreraspopulares.com e en www.championchipnorte.com; ademais de nas páxinas www.sanitasmarcarunningseries.com; www.ticketsport.es; e www.runin.es. Admitiranse inscricións o día da carreira, na zona de saída até 45 minutos antes do inicio da proba, a condición de que queden dorsais. O prezo da inscrición é de 10 euros e poden participar maiores de 16 anos.
O dorsal poderase recoller o sábado de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 na praza de María Pita. Ademais, os atletas disporán dunha serie de servizos complementarios. Así, haberá un servizo de guardarropa xunto ao arco de saída e todos os participantes disporán dunha bolsa do corredor que inclúe, entre outros elementos de utilidade, bebidas isotónicas, zumes ou auga.
A participación de todos os corredores servirá para sumar quilómetros ao proxecto Win4youth, unha iniciativa do Grupo Adecco que xurdiu en 2010, co obxectivo de recadar fondos para axudar a integrar a mozos de contornas difíciles no mundo laboral. Todos os quilómetros percorridos por cada equipo transformaranse en dólares, que serán doados a varias Fundacións e ONGs internacionais.
Esta iniciativa, únese ao programa de carreiras populares que deseñou a Concellaría de Deporte coa intención de fomentar o deporte e involucrar ás asociacións veciñais e clubs da cidade e que contou cunha gran aceptación na cidade.











