A Coruña acollerá ‘En Directo!’ un concerto solidario coa participación de oito grupos dos Locais de Ensaio

Presentación do concerto solidario “En Directo!”
O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, acompañado polo Coordinador dos Locais de Ensaio, Christian Beade, e os representantes dos grupos B.A.R. e Beards and Beers, Javier Martínez e Jacobo Vázquez, presentou esta mañá o V Concerto Solidario En Directo! que se celebrará o próximo 31 de xaneiro, a partir das 19.00 horas, na Ágora. A iniciativa, que por primeira vez terá un formato acústico, contará con Breathing Loud, Hooked, B.A.R., Beards and Beers, Moonk, Say my Name, SeisPorOito e Tremebundos, oito bandas de mozos formados nos Locais de Ensaio da Concellaría.
“Un total de 45 músicos, cunha media de idade de 22 anos, tocarán 29 temas de composición propia nun evento que terá unha duración de 4 horas”, explicou Mourelo, quen destacou: “Ademais de boa música, con estilos que van desde o folk – pop ou o blues ao rock, pasando pola música tradicional reinventada baixo a influencia de diferentes estilos, este concerto ten un importante carácter benéfico promovendo unha gran recollida de alimentos a favor da Cociña Económica”.
O acceso é gratuíto con invitación e, como forma de participar na campaña de alimentos, deberase entregar 3 quilogramos de alimentos non perecedoiros que se recollerán no acceso á sala.
O concelleiro de Mocidade tamén lembrou que 157 mozos músicos de 42 grupos noveis forman parte actualmente dos Locais de Ensaio; un incremento dun 28% das prazas de grupos residentes desde finais de 2011 dando cobertura ademais á demanda dos seus usuarios autorizando a apertura dos Locais os 7 días da semana.
“Trátase dun proxecto musical de referencia en Galicia. Por el xa pasaron máis de 200 grupos de mozos musicos e non se limita a proporcionar un espazo de ensaio e gravación senón que non descoida un aspecto estratéxico para esta Concellaría como é o da oferta continua e actualizada dunha formación específica para estes músicos e grupos noveis”, explicou Mourelo, quen anunciou que a acción formativa renóvase o próximo 15 de febreiro cunha masterclass sobre Iniciación á gravación en estudo; e continuará o día 22 de marzo co prgrama de Saúde Musical, iniciado en 2013 en colaboración co Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, o Colexio Oficial de Logopedas e o Centro Gaes.
“Ademais, desde 2012, e co fin de dar visibilidade aos grupos, estes foron formando parte de grandes eventos da cidade como a Tall Ship Race, o Campionato de España de Fútbol sala ou o Maratón Atlántica Coruña 42, gozando da oportunidade única de ofrecer a súa música a miles de cidadáns que presencian e participan nos diferentes eventos deportivos e culturais”, concluíu Mourelo.
Os interesados en asistir ao concerto poden recoller as súas invitacións desde o día 16 de xaneiro nos Locais de Ensaio do Coliseum (de luns a sábado -excepto festivos- de 16.00 a 21.30 horas) e no Centro Municipal de Información Xuvenil (de luns a venres de 10.00 a 11.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas).
Toda a información sobre o programa formativo e sobre os Locais de Ensaio pode atoparse en www.locaisdensaio.blogspot.com











