A Confraría do Grove recibirá 184.000 euros para mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros

Cores Touris na visita á Cofraría do Grove
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a sede provisional da confraría de O Grove, acompañado polo alcalde da localidade, Miguel Pérez, o patrón maior deste pósito, Gerardo García e a coordinadora da área de Mar da Xefatura Territorial de Medio Rural e do Mar, Sonia Lorenzo.
Durante a visita, o responsable da Delegación Territorial aproveitou para anunciar que a localidade meca recibirá algo máis de 184.000 euros para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros e para a xestión e vixiancia.
Deste xeito, segundo recordou o delegado territorial, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinará 545.000 euros na provincia de Pontevedra á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con perda de produción, “o que supón un 80% do total a nivel autonómico”. Esta liña de axudas destínase a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, co fin de contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.
Desta cantidade, 340.000 euros destinaranse a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros nas diferentes confrarías da comarca de O Salnés. En O Grove, en concreto, a confraría levará a cabo, grazas a estas axudas que roldarán os 57.500 euros, a rexeneración dos bancos marisqueiros das zonas de Porca Morta, Banco Saíñas e Rons.
Tal e como recordou Cores Tourís, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicou recentemente no Diario Oficial de Galicia, a resolución das axudas a través das cales preténdese incrementar as zonas de produción, dinamizar as zonas costeiras e crear máis postos de traballo nas diferentes áreas do litoral galego. A contía das axudas atópase cofinanciada polo Fondo Europeo da Pesca nun 75 %.
Os beneficiarios destas subvencións son as entidades do sector pesqueiro coma confrarías, organización de produtores, cooperativas do mar ou asociacións de profesionais do sector que teñan a súa sede social en Galicia.
Nos proxectos, as confrarías deberon explicar os obxectivos que se perseguen con estes traballos e conter unha descrición das accións que se pretendían emprender, cun calendario de realización e melloras esperadas con cada unha delas e con referencia expresa ás previsións de creación ou consolidación de emprego. Ademais, debían incluír un proxecto técnico que permita determinar a viabilidade do proxecto e o plano de localización das accións previstas.
Convenios de xestión e conservación
Por outro lado, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, tamén quixo facer referencia durante a súa visita a O Grove da concesión dos convenios de colaboración coas diversas confrarías da provincia para a xestión e conservación de zonas de produción e vixilancia.
Neste senso, destacou que a cantidade destinada dende a Consellería de Medio Rural e do Mar a este fin roldará en Galicia os 3,2 millóns de euros, correspondendo á provincia de Pontevedra 1,5 millóns. “A comarca de O Salnés recibirá algo máis de 709.000 euros, é dicir, o 54% do total a nivel provincial. Destas subvencións, O Grove percibirá case 126.500 euros”, concluíu Cores Tourís destacando que esta cantidade será destinada a asistencia técnica para o posto de biólogo e a contratación de sete vixiantes durante 12 meses.
“Os datos aportados demostran a implicación da Consellería coas confrarías da provincia de Pontevedra e, en concreto, coas do Salnés”, engadiu o responsable territorial. “A conselleira de Medio Rural e do Mar aposta por este sector que é vital para a comarca arousana, xa que estamos a falar das que soen ser a principais empresas das localidades: as confrarías”.
Reforma confraría O Grove
O delegado territorial tamén aproveitou a visita para analizar co alcalde do municipio e os representantes da Confraría meca as obras de reforma e rehabilitación do pósito deste concello.
Neste senso, Cores Tourís anunciou que as modificacións solicitadas pola administración autonómica para a continuación destes traballos foron xa presentadas polos técnicos municipais ante a Xunta e “agardamos que na próxima Comisión de Patrimonio sexa aprobado o informe e poidan retomarse os traballos”. De feito, esto suporía que o remate dos mesmos, segundo apuntou pola súa banda Miguel Pérez, podería ser unha realidade a finais da primavera ou comezos do verán.
O delegado territorial recordou a importancia da reforma deste edificio, “que aínda que non está catalogado como histórico si é emblemático para o municipio. Ademais, unha confraría como a do Grove, das máis importantes de Galicia, ten que ter unha sede digna e adecuada para o desenvolvemento do seu traballo”.











