A Confraría de Redondela percibirá 140.000 euros para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá a confraría San Juan de Redondela, acompañada polo alcalde da localidade, Javier Bas, e o patrón maior, Clemente Bastos. Tamén participaron na visita o xefe territorial do departamento da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, e a coordinadora da área de Mar, Sonia Lorenzo.
Durante o encontro, Bravo Bosch explicou que a Consellería de Medio Rural e do Mar ven de publicar as axudas para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros e para a xestión e vixiancia. Para estes tres ámbitos, a confraría de Redondela recibiu case 140.000 euros. Concretamente, contou con case 59.000 euros para a rexeneración da praia de A Barra así coma máis de 80.000 euros para destinalos a contratación de 4 vixiantes durante un período de 12 meses e un posto de biólogo.
Deste xeito, segundo recordou a delegada territorial, a Consellería do Medio Rural e do Mar destina preto de 550.000 euros a 6 confrarías da área territorial de Vigo (Redondela, Baiona, Moaña, Arcade-Soutomaior, Aldán-Cangas e Vigo) para axudas destinadas á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con perda de produción así coma para a xestión e vixiancia das zonas de produción. A liña de axudas para a mellora da produtividade destínase a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.
Por outro lado, Bravo Bosch lembrou a concesión dos convenios de colaboración coas diversas confrarías para a xestión e conservación de zonas de produción e vixilancia. Neste senso, para as 6 confrarías da área territorial, se destinan un total de case 400.000 euros co fin de contratar a 19 vixiantes e 5 biólogos. “A Xunta aposta por este sector que é vital para a nosa zona e a nosa Ría”, considerou a delegada.
Posteriormente, a delegada visitou a lonxa de Cesantes para comprobar o estado de execución das obras que nestes momentos está a executar o departamento que dirixe a conselleira Rosa Quintana. Bravo Bosch explicou que a obra se iniciou no mes de outubro e que conta cun prazo de execución de 9 meses. “Vai a bo ritmo”, sinalou, engadindo que é unha actuación moi importante onde a Xunta inviste máis de 600.000 euros.
Con esta actuación, dase resposta a unha demanda do sector profesional de Redondela, mellorando as condicións de traballo dos mariñeiros e mariscadores do municipio. A superficie do novo inmoble será de 680 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas de 43 metros de largo por 9 de ancho. A distribución das estancias consensuouse coa confraría de xeito que se adaptase á maior operatividade para os profesionais.
Na planta baixa proxéctase situar as estancias de actividade pesqueira e marisqueira: a zona de subhastas e a oficina de ventas, xunto con dous almacéns, vestiarios, aseos adaptados, local de limpeza, vestíbulo, sala de veterinario, cámaras de xeo e frío, entre outros espazos. A planta alta tería unha funcionalidade máis administrativa, ubicándose nela as oficinas, un laboratorio, sala de usos múltiples, sala de máquinas, aseos e terraza.











