A Confraría de Bueu percibirá 45.200 euros para xestión e vixilancia
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a sede da confraría de Bueu, acompañado polo patrón maior deste pósito, José Manuel Rosas.
Tamén estiveron presentes na visita a coordinadora da área de Mar en Pontevedra, Sonia Lorenzo.
Durante a visita, o responsable da Delegación Territorial aproveitou para anunciar que o pósito de Bueu recibirá case 45.200 euros a través dun convenio para o mantemento da asistencia técnica e a vixilancia.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que a cantidade destinada dende a Consellería de Medio Rural e do Mar a este fin roldará en Galicia os 3,2 millóns de euros, correspondendo á provincia de Pontevedra 1,5 millóns. “A comarca de Pontevedra recibirá algo máis de 207.000 euros do total a nivel provincial”, explicou o delegado territorial quen matizou que no caso de Bueu, destinarase a axuda a contratación dunha asistencia técnica para o posto de biólogo e dun vixiante durante 12 meses.
A maiores, segundo recordou o delegado territorial, a Consellería do Medio Rural e do Mar destinará 545.000 euros na provincia de Pontevedra á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con perda de produción, “o que supón un 80% do total a nivel autonómico”. Esta liña de axudas destínase a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, co fin de contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.
Desta cantidade, 80.000 euros destínanse a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros nas diferentes confrarías da comarca de Pontevedra.
“Os datos aportados demostran a implicación da Consellería coas confrarías da provincia de Pontevedra e, en concreto, coas da comarca de Pontevedra, xa que, en total, entre ambas axudas, as confrarías desta zona percibirán case 300.000 euros”, engadiu o responsable territorial. “A conselleira de Medio Rural e do Mar aposta por este sector que é vital para a nosa provincia, xa que estamos a falar das que soen ser as principais empresas das localidades: as confrarías”.
En relación a confraría de Bueu, o delegado territorial non quixo deixar de destacar a nova clasificadora-dosificadora para o pescado coa que contará o pósito e que estará en marcha, segundo manifestou o propio patrón maior, a finais deste mes. O seu custo superou os 77.000 euros que foron sufragados ao 100% a través das axudas do Grupo de Acción Costeira.