A confirmación do flotel para Navantia é a mellor noticia que tivo Ferrol nos últimos seis anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, valorou de forma positiva a confirmación definitiva de que na ría de Ferrol se construirá un dos dous floteis encargados por Pemex en Galicia, o outro realizarase na ría de Vigo.  O primeiro edil da cidade naval sinalou que esta nova “é unha mostra da confianza que unha das maiores empresas petroleiras do mundo ten nos estaleiros galegos e, no que atinxe a esta cidade, en Navantia”.

Rey Varela subliñou o decisivo papel do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na consecución deste pedido, que cualificou de “magnífico contrato para Ferrol porque é o primeiro en seis anos e, en moitos anos máis, no ámbito da construción civil”. Así mesmo, o rexedor municipal destacou que esta noticia “é a mellor en seis anos relacionada co sector naval”. Ao fío disto, sinalou que esta adxudicación supón “un punto de inflexión” para unha cidade que naceu para construír barcos”, e que o estaleiro ferrolán “poderá volver demostrar que é un dos dez mellores estaleiros do mundo”.

O primeiro edil da cidade salientou que “este é un logro de todos os ferroláns” e que “hai que seguir traballando dende a unidade”. Ademais, o alcalde ferrolán tamén quixo agradecer a xestión do presidente da Xunta de Galicia, “que impulsou dende un primeiro momento a relación entre Galicia e PEMEX”.  Por último, Rey Varela dixo que “en Ferrol non teremos nin un día de satisfacción nin de descanso; e seguiremos traballando na demanda de máis contratos para o sector naval. Feijóo e México cumpriron e agora é Navantia Madrid quen ten que cumprir en canto á obtención de novos pedidos”, concluíu.

29 de xaneiro de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.