A Confederación de Empresarios de Pontevedra confía no efecto chamada dos contratos de Pemex

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) expresou, en nome do empresariado pontevedrés, a súa satisfacción pola adxudicación da construción de dúas floteles en Galicia, por parte de Pemex. “Era algo moi esperado e a súa concreción é unha excelente noticia, polo que significa en termos de carga de traballo directo e indirecto, para a provincia e para toda Galicia”, declarou.

Ao mesmo tempo, mostrou o seu optimismo sobre a posibilidade de que grazas a estes contratos, froito da confianza na calidade técnica da construción naval en Galicia, o sector comezará a recibir outros encargos, nun claro “efecto chamada”.

Desde a Confederación deféndese o prestixio do sector naval, que pode apoiarse no actual sistema de tax lease para recuperar plenamente a súa competitividade, como o demostra esta noticia. “Non en balde a alternativa galega alzouse sobre as outras ofertas”, subliñou Novoa Díaz.

“O naval pontevedrés e galego conta coa capacitación tecnolóxica para construír calquera tipo de embarcación e competir no mercado internacional. É necesario que o Goberno promocione e impulse o novo tax lease, dado que ao pór en dúbida o sistema anterior fíxose moito dano ao sector”.

“Cabe lembrar que están pendentes outras posibles adxudicacións que contribuirán a mellorar significativamente as perspectivas de emprego e de dinamización económica da provincia nos próximos meses”, concluíu.

29 de xaneiro de 2014 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.