A colaboración de Policía Local da Coruña e Policía Nacional mellora a eficacia en materia de tráfico e seguridade cidadá
O portavoz municipal, Xullo Flores, destacou a colaboración da Policía Local e Nacional en materia de seguridade cidadá e seguridade viaria, tras a Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá, onde se analizaron novas iniciativas para mellorar a eficacia e o traballo conxunto. “A reunión foi cordial e produtiva, e permitiu cumprir o desexo dos coruñeses de que exista unha maior cooperación e coordinación en materia de seguridade viaria e cidadá”, indicou Flores.
O concelleiro afirmou que, tras a análise dos datos de 2013, pódese concluír que A Coruña é bastante máis segura que a maioría de cidades de España. “Baixou lixeiramente a taxa de criminalidade na cidade e continúa por baixo da media estatal e autonómica; e aumentouse a eficacia na resolución dos casos”, afirmou Flores, quen continuou: “É evidente que a posta en marcha da Policía de Barrio foi positiva para mellorar o cumprimento das ordenanzas municipais e tamén para colaborar en materia de seguridade cidadá coa Policía Nacional. Grazas á Policía de Barrio incrementouse a presenza policial nas rúas, produciuse un incremento no número de detencións e tamén dos índices de actividade policial”.
Flores explicou que o 092 e o 091 están a traballar en contacto periódico con entidades veciñais e representantes do sector da hostalaría e do comercio local, onde se insiste nas medidas de autoprotección en diferentes materias como a prevención dos roubos en vivendas e locais. “É fundamental previr e tomar todas as precaucións posibles para evitar problemas e continúa sendo de vital importancia contar coa colaboración veciñal para que chamen inmediatamente á policía ante calquera actividade ou persoa sospeitosa”, sinalou o concelleiro, quen engadiu: “A eficacia dos corpos de seguridade depende en moitas ocasións da colaboración cidadá e por iso insistimos sempre en que se chame á Policía Local e á Policía Nacional ante calquera sospeita”.
A Xunta Local de Seguridade tamén estudou actuacións de mellora do tráfico en dous puntos concretos da cidade: a curva dos hospitais, na avenida da Pasaxe; e a curva da AC-11 á altura do edificio Proa, en Matogrande.
O subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, explicou que, na curva dos hospitais, establecerase un carril de servizo no carril dereito da estrada, tanto en dirección entrada como de saída da cidade, mantendo os límites de velocidade en 80 quilómetros por hora no carril central e esquerdo e reducindo a 50 quilómetros por hora a velocidade máxima no novo carril de servizo. Ademais, evitaranse os trenzados a partir da curva impedindo a incorporación ao carril dereito nese tramo a partir da curva; mellorarase a sinalización e o balizamento; e a Dirección Xeral de Tráfico instalará un radar para controlar a velocidade nese tramo e previr os excesos de velocidade que poidan ocasionar saídas de vía e accidentes por alcance.
Por último, no caso do desvío cara a Matogrande na AC-11, colocarase unha banda sonora antes da curva, mellorarase o firme en todo o ancho da calzada e colocaranse sinais luminosos na propia curva para que os vehículos respecten os límites de velocidade establecidos ao obxecto de previr posibles accidentes.











