A circulación pola estrada de Mercurín, en Ordes, estará pechada a partir da vindeira semana
Manuel Regos, alcalde de Ordes, anunciou no pleno que tivo lugar onte que a partir do vindeiro martes 3 de febreiro a estrada de Mercurín permanecerá pechada agás para os veciños e veciñas da zona”, tal e como se plasmara nunha moción presentada polo grupo socialista hai meses. Regos lembrou as numerosas solicitudes de apoio, as subvencións e múltiples contactos realizados con representantes de distintos organismos para o arranxo desta vía enormemente deteriorada debido á circulación dos camións de gran tonelaxe que se dirixen, principalmente á planta de tratamento de residuos da Xunta de Galicia, situada no concello de Cerceda. O alcalde tamén expresou publicamente a súa sorpresa “por non recibir os fondos do Plan Míner aprobados no seu día para este cometido e que a día de hoxe seguen sen facerse efectivos”, polo que solicitou “tanto do PP como do BNG, con representación parlamentaria no Congreso dos Deputados, que pidan explicacións do porque desta inxusta situación”.
Na proposta presentada polo goberno solicítase que a Xunta de Galicia asuma a titularidade desta vía municipal, cuxo arranxo ascende na actualidade a máis de 2,5 millóns de euros, así como da vía de enlace entre o polígono e a estrada N-524. A dita medida non foi apoiada nin polo PP nin polo BNG.
Na rolda de mocións dos restantes partidos o PSOE viu prosperar por unanimidade a súa proposta de crear un protocolo de actuación ante os danos producidos por mor dos cortes da subministración eléctrica que acontecen cada vez que hai temporal. Un texto no que tamén se lle insta a Gas Natural-Unión Fenosa a que reforce e mellore o servizo local.
A PAC foi outro dos puntos abordados polos socialistas, que demandaron o apoio do pleno para incluír na aplicación para o período 2014-20 unha normativa que teña en conta as características da produción galega, “a cal conta cun déficit histórico na percepción de axudas”. Reclámase un pago por hectárea que sexa proporcionalmente regresivo e que beneficie maiormente ás 30 primeiras hectáreas, que se precise a definición de agricultor e gandeiro para a adquisición destas axudas, cifrando para iso a percepción de ingresos cun mínimo do 25%, e que estas non superen os 150.000 euros por explotación, ademais de que o sector gandeiro sexa dotado dun tratamento singularizado a través de axudas adaptadas debido á súa singularidade. Mentres que o equipo de goberno aprobou a medida os nacionalistas e CIdGA abstivéronse, e o PP votou en contra, alegando que estas posturas suporán “unha perda de cartos para Galicia segundo os cálculos realizados polos seus técnicos”.
Na quenda do BNG prosperou a súa demanda de solución dos problemas na subministración eléctrica nas zonas da Fraga da Galiña e na rúa Coruña por parte de Gas Natural-Unión Fenosa. Tamén saíu adiante o acordo para reparar os danos no céspede da piscina do Muíño e dotala dun servizo de cafetería. Na proposta sobre unha ordenanza sobre plantacións e repoboacións forestais o equipo de goberno explicou que actualmente se está a cumprir a normativa esixida pola Consellería, polo que a moción non prosperou.
Nesta ocasión os populares demandaron a posta en marcha dos dous tractores dos que dispón o municipio para labores de roza, ademais de reprogramar o destino das partidas destinadas á contratación dunha empresa encargada para este labor. Segundo detallou a tenente de alcalde, Silvia Marín, “tanto o arranxo desta maquinaria”, medida que non ofrece garantías nin a medio prazo “como a adquisición dunha nova suporía un custo maior”. Ademais, tamén se explicou que “neste momento é imposible contratar a máis persoal para poder acometer a tempo completo estes labores, “xa que segundo os cálculos suporía unha cifra aproximada de 90.000 euros”.
Por iso o PP propuxo a realización dun estudo económico e financeiro de cara aos vindeiros anos para facer factible a súa proposta, unha idea que foi acollida de bo grado. Aínda así dende o goberno adiantouse que nos próximos orzamentos haberá unha partida para a roza de pistas e camiños, “a pesar de que non se recibiu ningunha axuda de todas as que se levan reclamado”.











