A CEO acollerá un curso sobre tendencias nos ramos de noiva
Tanto a temática como o curriculum do profesor, Juan Ramón Suárez Chamorro, fixeron que esta convocatoria espertase o interese de empresarios do gremio que se desprazaron desde outras provincias como Cáceres, Badaxoz, Salamanca, Palencia ou León para acudir a este curso de Tendencias en Noivas para 2014.
Durante estes 3 días, (desde o pasado domingo até hoxe martes) os profesionais deste gremio coñeceron con detalle e da man dun dos máis prestixiosos mestres floristas de España, como serán as tendencias nas vodas durante este ano. Suárez Chamorro, galardoado con multitude de premios do sector e fundador da Academia Floral Alnorte, desvelou as tendencias en ramos de noiva, nos que toman protagonismo os contrastes de cores en tons fortes, e modernízanse co uso de transparencias e deseños máis estruturados e innovadores que escapan do tradicional.
Onte pola tarde tivo lugar unha sesión fotográfica cunha modelo que, vestida con traxes de noiva de Rosa Clará, luciu todos os traballos realizados nos primeiros días do curso, desde os ramos aos tocados. Os profesionais aproveitaron tamén o día de onte para realizar as decoracións de mesa nesas datas tan sinaladas. Para hoxe martes, como peche do curso, está previsto que os asistentes realicen bixutaría con flores para lucir neste tipo de celebracións.
Os profesionais que acoden a este curso resaltaron o bo ambiente que reina nas sesións e tamén que estas sexan eminentemente prácticas, o que lles está permitindo aprender con todo luxo de detalles as tendencias neste sector. Destacan ademais que a revista Clip Flores e Máis, unha das máis importantes do gremio con difusión internacional, está a realizar un seguimento de todos os traballos desde o comezo do taller, que poderán observarse no próximo número.











