A CEO acolle unha charla sobre a zona única de pagos en euros
Máis coñecida como SEPA, esta normativa debuxa un novo escenario que consiste nun mercado único para pagos en euros. O próximo 1 de febreiro entrará en vigor esta norma que afectará a transferencias, adeudos domiciliados e cartóns, e que será de aplicación en 33 países, dentro e fóra da Unión Europea. Para saber todo o relativo a SEPA, os seus alicerces normativos, como afectará os usuarios, ou como preparar a empresa para operar neste novo escenario, a CEO en colaboración con Novagalicia Banco, organizou a conferencia ‘Zona Única de Pagos en Euros. Retos e Oportunidades na Actividade Empresarial’. Nela, Manuel Rodríguez López, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña, explicará estes e outros detalles, ademais de dar unhas recomendacións para facilitar a migración eficiente dos medios de pago actuais aos instrumentos SEPA.
A charla correrá a cargo de Manuel Rodríguez López e terá lugar no salón de actos da CEO o martes 21 de xaneiro ás 19.30 h.
Manuel Rodríguez López
Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade da Coruña, disciplina na que cursou as especialidades de Financiamento e Empresa Financeira. Nesta mesma Universidade é profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade desde o ano 1990. En toda a súa traxectoria enfocou o seu labor docente e investigadora á análise de estados financeiros, valoración de empresas e financiamento, xestión e análise do risco de crédito, predición da insolvencia empresarial e outras materias afíns da disciplina financeira.
Manuel Rodríguez, galardoado recentemente co premio ao mellor traballo de Finanzas 2011 concedido pola “European Academy of Management and Business Economics”, colabora regularmente en diversos Masters, cursos de Posgrao e Doutoramento en terceiro ciclo, relacionados coa súa especialidade; tamén publicou numerosos artigos en revistas científicas, e participado con relatorios en congresos e simposios a nivel nacional e internacional. Na actualidade, participa en proxectos de investigación relacionados coa aplicación de técnicas de intelixencia artificial para a predición do fallo e insolvencia empresarial ou análise e xestión do risco de crédito e xestión de medios de pago.











