A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do proxecto “Fisterra dende a nube”
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou hoxe a importancia de dotar de valor engadido aos produtos do mar e de fortalecer a cadea de valor do sector pesqueiro. Fíxoo na presentación na Casa de Galicia en Madrid do proxecto “Fisterra dende a nube”, unha iniciativa do Grupo de Acción Costeira (GAC) Fisterra-Ría de Muros e Noia centrada na difusión e promoción de Fisterra como destino turístico vinculado ao mar a través das novas tecnoloxías da información e a comunicación.
Neste acto, celebrado no marco da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), a directora xeral sinalou que a iniciativa do GAC 4 ten a bondade de fomentar o turismo experiencial e a posta en valor do mar da Costa da Morte. Engadiu que amosa o máximo respecto á protección do patrimonio, a través da súa posta en valor mediante o turismo.
Susana Rodríguez enxalzou este proxecto, xa que –dixo– contribúe a dar valor engadido aos produtos do mar da Costa da Morte a través da divulgación das distintas especies que se capturan, das súas propiedades ou da súa positiva repercusión na saúde dos consumidores. Deste xeito, engadiu, apóstase polo fortalecemento da cadea de valor do sector pesqueiro en xeral, difundindo e promovendo a trazabilidade dos produtos mariñeiros e dignificando aos profesionais do mar. A directora xeral destacou ademais o uso das novas tecnoloxías para a transmisión de coñecemento e para a promoción turística do destino.
“Fisterra dende a nube” é un proxecto de Turismo Mariñeiro enfocado ao desenvolvemento dun produto turístico vinculado ao mar, á dinamización da vila de Fisterra e á protección e posta en valor do Cabo, do seu patrimonio e a súa relación coas actividades pesqueiras. Consiste na creación de rutas autoguiadas que parten do porto da vila e conducen ao turista ata a igrexa de Santa María das Areas e de alí á praia de Mar de Fóra ou a mítico Faro de Fisterra, seguindo un total de 23 pivotes de madeira con códigos QR (código de resposta rápida) nunha etiqueta coa imaxe do proxecto.
Estes códigos permiten a descarga in situ, por medio de teléfonos móbiles de última xeración, de diferentes contidos –textos, fotos, vídeos e audios– relacionados co percorrido turístico, os monumentos, as tradicións, os traballos no mar, as artes de pesca ou os naufraxios, entre outros.