A Casa de Cultura Salvador de Madariaga acolle a mostra ‘Por favor non fagan isto nas súas casas!’ de Manuel Suárez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernádnez, informa de que a Casa de Cultura Salvador de Madariaga acolle, até o 23 de marzo, a exposición de Manuel Suárez Por favor non fagan isto nas súas casas!, que se poderá visitar todos os días en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

A mostra supón un paso máis no desenvolvemento da obra de Manuel Suárez na que o autor demostra o seu profundo coñecemento do medio e a súa exquisita sensibilidade. Manuel Suárez decantouse por un informalismo expresivo no que practicamente renuncia a calquera referencia iconográfica. Como nas súas anteriores series, opta por unha composición rigorosa, por un xogo de texturas e vai un paso máis aló no uso da cor, recuperado na súa serie De substancia tóxica e co que potencia a expresividade das súas teas.

Un total de 18 teas coas que enche a sala de exposicións de pintura no seu sentido máis puro. Grandes lenzos que aínda non se suxeitaron a un bastidor colgan da planta baixa, pechando o claustro, conformándoo como o estudo no que o pintor se enfronta á súa obra, o lugar e o momento no que se decide que a obra está finalmente acabada.

Na planta superior, pezas grandes pero de menor tamaño, xa fixadas ao seu bastidor, aparecen máis asumibles, pero nelas mantense a intensa introspección que está presente en todas as obras de Manuel Suárez.  

Todas elas son parte da mesma serie: NHESC, Non fagan isto nas súas casas. Non é un xogo, é arte, en pintura no seu sentido máis puro, máis magnífico. Son intensas, vitais, cheas de rigor e unha reivindicación fundamental da sentido da arte.

24 de xaneiro de 2014 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.