A Casa da Cultura de Lousame acolle a mostra “Cadernos de viaxe” de José Luís Veiras Manteiga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLousame
A-
A+

A Casa da Cultura de Lousame acollerá ata o vindeiro 14 de febreiro a exposición de pintura “Cadernos de viaxe”, de José Luís Veiras Manteiga, polifacético pintor, debuxante, ilustrador e caricaturista noiés que reside en Lousame dende 2001. Unha mostra que foi inaugurada na noite de onte venres pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e polo propio autor, quen foi introducido por Pilar Sampedro, animadora cultural e boa amiga de Veiras Manteiga.

Teresa Villaverde agradeceu a José Luís Veiras que unha vez máis volva a escoller Lousame para as súas exposicións e fixo un chamamento “a utilizar esta sala de exposicións, que está aberto a todos os veciños e veciñas de Lousame e a todos os artistas da comarca que desexen expoñer nel”. Pilar Sampedro, encargada de introducir a Veiras Manteiga, dixo del que “é un artista moi poliédrico, cun estilo entorno ao expresionismo, cunha abstracción lírica e que traballa en diferentes soportes e técnicas”.

Sobre a exposición “Cadernos de viaxe”, Sampedro explicou que “inclúe tamén os primeiros bocetos da obra, esa especie de garabato que recolle o que viu antes de, digamos, pintar en serio. Son apuntes de paisaxes, de cando Veiras foi de visita aos seus fillos na Bretaña e na Provenza, dúas zonas moi relacionadas con nós”. “Os verdes e os ocres, o meridional e o atlántico, a delicadeza das herbas aromáticas pintando os campos e os finisterrae; a lingua de oc cantando lírica medieval ao lado da galega, e a materia de Bretaña percorrendo os camiños que van e veñen con Artur e Xenebra, con Merlín e familia dende Camelot a Mondoñedo, pasando por esta outra Bretaña. Tan lonxe e tan preto”, concluíu Pilar Sampedro.

Exposición antes do verán

Pola súa banda, José Luís Veiras Manteiga agradeceu a asistencia de todos os presentes, especialmente nunha noite de inclemencias meteorolóxicas, e ao Concello de Lousame por acoller “Cadernos de viaxe”. Unha mostra que quen a visita “atopará a luz do sur de Francia e tamén os verdes e os ocres da Bretaña e tamén de Galicia. Tamén consta dunha parte dedicada ao megalitismo, pois é un lugar onde hai moitos menhires. Pero o máis importante é a interpretación que eles fagan, que xa queda nas súas mans”.

Así mesmo, Veiras Manteiga recolleu o convite de Teresa Villaverde e anunciou que “espero poder estar aquí de novo antes do verán cunha nova exposición”. José Luís Veiras Manteiga é un polifacético pintor, debuxante, ilustrador e caricaturista noiés que reside en Lousame dende o ano 2001. Ten realizado exposicións en países como Francia, Alemaña, Polonia e Holanda, ademais de por numerosas cidades españolas. As súas obras forman parte de coleccións públicas e privadas en países como Estados Unidos, Canadá, Tunicia, Holanda, Alemaña, Francia e España.

Como caricaturista ou columnista ten colaborado con distintos medios de comunicación galegos (El Correo Gallego, El Ideal Gallego, El Progreso, La Voz de Galicia…) e ten presentado o programa “A Estornela” en Cantal Tambre. Ten publicado banda deseñada (“Folgar de Brigantia”, “Fuxidos” e “Noia, porto de Compostela”) e ilustrado a escritores como Antón Avilés, Xosé Agrelo, Maxi Olariaga, María Xosé Canitrot, Manoel Fabeiro, Francisco Vidal ou Ramón Carredano.

27 de xaneiro de 2014 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.