A Cañiza estrea febreiro inaugurando a III edición das Xornadas Gastronómicas da Caza

Presentación das xornadas gastronómicas
Despois do éxito das xornadas das pasadas edicións, a Asociación de Hosteleiros e Produtores de Xamón en colaboración co Concello da Cañiza organizan durante todos os fins de semana do mes de febreiro a III edición das Xornadas Gastronómicas da Caza que teñen como principal obxectivo promocionar a cociña elaborada con pezas de caza e a gran riqueza cinexética que posúen os nosos montes e ao mesmo tempo ofrecer aos visitantes e comensais a posibilidade de coñecer a excelente cociña cañicense baseada nos produtos cárnicos de porco co xamón como abanderado e os suculentos cocidos que nestas altas terras da Paradanta convértense no prato máis solicitado pola súa excelencia.
Neste evento gastronómico participan varios restaurantes da Vila. Os menús pódense consultar na páxina web do Concello www.caniza.org ou na páxina da asociación de hosteleiros www.hosteleiroscañiza.es.
Croquetas de perdiz, chupa-chus de paspallás con salsa, carpaccio de venado con lascas de queixo, perdiz de tiro en dous cocciones en escabeche tépedo ao albariño e follas tenras ou estofada con améndoas e patatitas, timbal de cogomelos da comarca con ovo e crocante de cebola, ragout de xabaril con mazás reinetas. Todas estas delicias regadas cos excelentes caldos tintos da comarca e deliciosas sobremesas aderezadas cos produtos típicos da zona. Estas son só algunhas das propostas culinarias que se ofrecerán durante estas apetitosas xornadas.
En canto ás actividades de caza, as xornadas inaugúranse o sábado 1 de febreiro coa organización dunha montería de xabaril nos montes de Melón. O contacto para informarse e inscribirse nesta actividade é o 647 805 87 e o domingo 2 de febreiro renóvase a batida, nesta ocasión nos montes da Cañiza. O fin de semana seguinte, o día 9 de febreiro tocaralle a quenda ao raposo e o domingo 23, último domingo do mes de febreiro, organizarase unha xornada de caza intensiva. Para todas aquelas persoas que desexen ampliar estas e outras informacións, poden porse en contacto coa organización chamando aos números de teléfono 609 878 501 ou 616 310 764.











