A campaña “separemos ben. reciclaremos mellor” estará na feira de Paiosaco da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Baixo o lema “Separemos ben. Reciclaremos mellor”, o Concello da Laracha e a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia porán en marcha o domingo, durante a celebración da feira de Paiosaco, unha campaña dirixida a sensibilizar á poboación do municipio sobre a importancia da correcta xestión dos residuos urbanos. As actividades e obradoiros desenvolveranse de 10.00 a 14.00 horas baixo unha carpa que se instalará no recinto feiral.

A iniciativa vai especialmente enfocada a informar sobre o material que debe depositarse en cada un dos colectores de recollida selectiva, facendo fincapé no amarelo, xa que é no que se rexistran unha maior presenza de impropios, é dicir, os residuos que son depositados de xeito equivocado nos colectores de reciclaxe.

Segundo datos da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), cada galego produce 1,2 quilos de lixo ao día, polo que a xestión sostible dos residuos urbanos debe ser para todos unha cuestión prioritaria.

A campaña que se realizará en Paiosaco propón unha estratexia fundamentada nos eixos coñecidos como “as tres r”: reducir a cantidade de residuos que se xeran, reutilizar os materiais o maior número de veces posible antes de convertelos en lixo e, por último, a reciclaxe baseada na recollida selectiva.

A Laracha é un Concello sensibilizado co respecto ao medio ambiente e, por tanto, coa correcta xestión dos residuos. Ademais de incrementarse durante os últimos anos os puntos de recollida selectiva de lixo, ofrécese a todos os veciños, de xeito totalmente gratuíto, o Punto Limpo para depositar calquera tipo de material inservible, así como o servizo de recollida de voluminosos a domicilio.

Durante as próximas semanas o Concello da Laracha impulsará, ademais, unha campaña para potenciar a reciclaxe que se levará a cabo nos centros de ensino, e realizarase un buzoneo de material informativo sobre os servizos que se ofertan e os residuos que deben depositarse en cada un dos colectores.

17 de xaneiro de 2014 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.