A campaña intensiva de limpeza de Vilagarcía mellora a imaxe do barrio do Piñeiriño e as súas inmediacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A campaña intensiva de limpeza de rúas chega esta semana ao barrio do Piñeiriño e as súas inmediacións. Operarios municipais e de Cespa reforzados coa maquinaria da concesionaria encargaranse de realizar os traballos de lavado en profundidade de rúas, beirarrúas, tragantes e contedores de lixo nun dos barrios máis populosos do municipio.

Como de costume, esta nova fase da campaña intensiva de limpeza comezará coa avanzadilla dos operarios municipais que farán un primeiro repaso manual ás rúas obxecto da limpeza, encargándose de desatascar tragantes e arquetas e de retirar herbas. Estas labores comezarán o luns de xeito que o mércores, primeira xornada na que intervirá a maquinaria de baldeo, varrido e lavado de contedores.

Nesa primeira xornada, a do mércores 29 de xaneiro, os traballos iniciaranse a primeira hora da mañá pola avenida de Cornazo. Entre as sete e as dez da mañá procederase á limpeza do tramo desta rúa comprendido entre a confluenza Vandorra con Santa Mariña. A partir das dez da mañá, a limpeza afectará a rúa Pumariño e a Urbanización Veiga do Valo.

O xoves, 30 a campaña de limpeza xa entra no barrio do Piñeiriño para empregarse no aseo das rúas Camilo José Cela, Rúa do Parque e Ramón Martínez entre as sete e as dez da mañá. A partir desta hora e ata a unha da tarde procederase a limpeza das rúas Porto Rey, Gil Casal, rúa de nova apertura e Fontecarmoa (dende a avenida de Cambados ata o número 50).

A limpeza do Piñeiriño complétase o venres cunha primeira pasada das máquinas programada entre as sete e as dez da mañá e que se centrará nas rúas Adolfo Pedrido, Alfredo Brañas, Fermín Bouza Brey, Julio Camba, Álvaro Cunqueiro e Emilia Pardo Bazán. No último tramo da mañá, as labores de limpeza trasladaranse á avenida de Cambados (confluencia Fontecarmoa con Pablo Picasso) e á rúa Pablo Picasso.

Prégase a colaboración cidadá

O Concello puxo en marcha no mes de novembro esta campaña intensiva de limpeza de rúas co obxecto de mellorar a imaxe dos cascos urbanos do municipio. Para que estes traballos dean o resultado esperado precísase a colaboración dos veciños que deberán facilitar as labores de limpeza deixando libres os estacionamentos de vehículos das rúas nas que estea previsto actuar. A retirada dos coches deberá facerse antes de que se inicien os traballos e poderán volver a utilizarse tan pronto como remate o paso da maquinaria de limpeza. O Concello prega a maior colaboración dos veciños e condutores para que todos os cidadáns poidan gozar dunhas rúas máis agradables e limpas.

27 de xaneiro de 2014 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.