A campaña de agasallos de Nadal de Ferrol chegou a 754 menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta esta mañá aos diferentes grupos municipais do balance da campaña “Agasallos de Nadal 2013”, durante a comisión informativa da área. Un total de 754 menores foron beneficiarios desta achega municipal posta en marcha polo Goberno Municipal de Jose Manuel Rey Varela co obxectivo de fomentar a igualdade dos nenos e nenas pertencentes a familias con escaseza de recursos económicos. Esta cifra supón que o pasado Nadal beneficiáronse deste programa un total de 203 nenos e nenas máis que na campaña de 2011, na que se concederon por parte da Administración ferrolá 551 cheques regalo.

Este aumento no número de concesión débese ás melloras que presentou a convocatoria de 2013 con respecto ás anteriores, e que foron principalmente dúas: o aumento da franxa de idade dos posibles beneficiarios e o incremento da partida económica destinada a esta bolsa de agasallos no Nadal. Así, a convocatoria estivo aberta a menores dende os 0-1 anos até aqueles que non tiveran cumpridos os 13 anos o 6 de xaneiro de 2014. Así mesmo, mantívose que no caso de discapacidade psíquica recoñecida, o tope de idade fora de 18 anos. Ademais, a contía designada o pasado Nadal para a campaña de agasallos incrementouse máis dun 27% en comparación co exercicio de 2011, alcanzando a cifra de 37.700 euros –do teito de gasto fixado en 40.000 euros- fronte aos 27.550 euros destinados en 2011.

A edil de Benestar Social lembrou que a axuda máxima para cada menor é de 50 euros, que se fai efectiva a través dun vale que se  troca por xoguetes, cedes, libros, roupa deportiva, artigos de deporte, ou calquera material ou instrumento relacionado coas novas tecnoloxías (consolas, ordenadores…) nas entidades comerciais ferrolás. Estas bolsas de axudas de agasallos de Nadal permiten que os nenos e nenas pertencentes a familias con escasos recursos económicos non queden sen regalos nas datas de Nadal.

Axuda no Fogar

Por outra banda, a comisión de Benestar Social analizou, por terceira vez, a modificación da Ordenanza de Axuda no Fogar co obxectivo de adaptala ao cambios na normativa fixados polas Administración central e autonómica. As variacións manteñen as exencións no abonamento parcial ou total do servizo a aquelas persoas cuxos ingresos estean por debaixo do IPREM; e engádense novas atencións, como a de podoloxía, entre outras.

Ademais, a titular de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, agradeceu á voceira municipal do PSOE, Natividad González, as achegas á modificación da ordenanza, único grupo municipal que presentou propostas. Así, o novo texto –que se debaterá para a súa aprobación no pleno de fin de mes- inclúe catro das seis suxestións socialistas, que “enriquecen o texto dándolle unha maior aclaración ao mesmo”, aínda que sen entrar no fondo do regulamento.

O Concello de Ferrol ten reservados no Presuposto de 2014 un montante económico superior aos 2,3 millóns de euros para programas de atención á dependencia, sendo a Administración ferrolá unha das que máis horas de atención a domicilio presta, superando as 13.300 horas.

9 de xaneiro de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.