A Cabalgata de Reis en Mos obriga a cortar a Avenida de Sanguiñeda o día 5

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Dende a concellería de Cultura mosense que dirixe a edil Sara Cebreiro, infórmase do corte do tráfico na Avenida de Sanguiñeda o vindeiro domingo, día 5 de xaneiro, con motivo da celebración da tradicional Cabalgata de Reis. O tráfico permanecerá cortado de 09.00 horas a 20.00 horas. Esta última hora, a da reapertura do tráfico rodado na Avenida, é aproximada e poderá variar lixeiramente en función da hora de remate do evento. Durante a mañá permanecerá cortado únicamente o tramo final da Avenida de Sanguiñeda, zona na que se atopará instalada a carpa e, a partir das 17.00 horas, interrumpirase o tránsito rodado ó longo de toda a vía, dende a Ponte do Senlle ata o final da Avenida.

A saída da Cabalgata realizarase ás 18.00 horas da tarde para proceder, a continuación, a realizar o correspondente percorrido pola Avenida de Sanguiñeda, en dirección ao Pavillón de Sanguiñeda.

Ao final da Avenida de Sanguiñeda haberá instalada unha carpa onde se atopará situado o Belén Vivinte a cargo da Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña.

Na Cabalgata participarán 6 carrozas de 6 asociacións mosenses: Asociación de Veciños Chan do Bosque de Amieirolongo (Sanguiñeda), Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña, Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos), Círculo Cultural Abrente (Torroso), Círculo Cultural e Recreativo de Torroso, e Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras.

Participarán tamén 3 rondallas: San Salvador de Louredo, Santa Eulalia de Mos e Herville (Cela). Durante a Cabalgata os Reis Magos repartirán un total de 300 Kg de caramelos e, ao final desta, as súas maxestades os Reis de Oriente subiranse ao escenario e recibirán, un por un, a todos os nenos e nenas presentes que recibirán das súas mans un agasallo.

3 de xaneiro de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.