A brigada de cooperación de Ames acometeu o mantemento de núcleos rurais
Durante os últimos catro meses, o Concello de Ames dispuxo dun equipo composto por oito persoas que tiveron como obxectivo o mantemento dos núcleos rurais, a revalorización dos espazos públicos urbanos e a protección dos espazos naturais do municipio. Estes oito traballadores, residentes no concello de Ames, reforzarán ata a vindeira semana á brigada municipal de obras e a súa contratación foi posible grazas á concesión por parte da Consellería de Traballo e Benestar dunha subvención dotada con 24.000 euros.
Durante estes meses, os traballadores acometeron a limpeza e apertura de cunetas en distintos puntos do municipio como Lamas, Castelo, Castiñeiro do Lobo, Loureiros ou Biduído, e nos vindeiros días realizarán traballos en Piñor. Nestas zonas, acometeuse a apertura de cunetas mediante o emprego dunha pala.
Estas oito persoas están distribuídas en tres brigadas, que comezaron a traballar en novembro e que estiveron compostas por tres peóns de construción, dous peóns de obras, un peón forestal, un oficial palista (operador de maquinaria) e un oficial albanel. Estas tres brigadas coas que contou o Concello de Ames forman parte dos programas de cooperación coas entidades locais postos en marcha pola Xunta de Galicia, que permiten a contratación de persoas desempregadas.
As tarefas que realizaron estes oito traballadores están relacionadas coa utilidade colectiva, xa que se tratou de obras de mantemento e revalorización de zonas públicas. Deste xeito, acometeron a limpeza e apertura de cunetas para evitar posibles atrancos na circulación da auga. Tamén levaron a cabo tarefas de desbroce e eliminación de maleza dos espazos públicos situados nos núcleos rurais de Ames.
Entre os traballos que están desenvolvendo atópase a reparación de beirarrúas na avenida José Luis Azcárraga, de Bertamiráns. Estas obras incluíron a reparación de plaquetas, retirada de pavimento en mal estado, preparación de soleira base e colocación de novas plaquetas. Tamén se acometeu a reparación de bordos de formigón.











